Hoxe o FEGA publicou os importes unitarios provisionais das axudas do Ministerio solicitadas en base a estimacións previas. Unha marxe de erro de até un 28% evidencia eivas nos cálculos e pon inda máis en risco a situación económica das nosas granxas
Hoxe o Fondo Español de Garantía Agraria FEGA fixo públicos os importes unitarios provisionais para as axudas que, no momento de seren solicitadas, tiñan uns importes estimados polo Ministerio. Neste caso están fontes de financiamento moi sensíbeis para as granxas, como todos os ecorreximes e as axudas asociadas.
Sendo os importes provisionais proporcionados polo Ministerio de Agricultura a información en base á cal as granxas toman boa parte das decisións económicas para o desenvolvemento da súa actividade produtiva, estes deben ser elaborados de xeito estritamente rigoroso.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) consideramos que unha variación do 28% entre estimacións e contías reais, como acontece no caso dos ecorreximes en pastos (pastoreo extensivo, sega ou illas d biodiversidade), que supón 17,44€ menos por hectárea- é absolutamente inaceptable. Caso similar atopamos nos ecorreximes en terras de cultivo -sementeira directa e rotación con especies mellorantes-, que ao igual que o anterior afecta de xeito diferenciado ás granxas galegas, onde a falta de concordancia entre estipulado e previsto sitúase no 20% -17,08€ menos por hectárea-.
As granxas pediron os ecorreximes en función das previsións, unha redución de 1/3 por hectárea dos importes muda moito o escenario, en moitos casos complicando de xeito salientábel a viabilidade das granxas.
Descoñecemos se semellante falla de correspondencia entre previsións e contías reais é debida a erros na metodoloxía de análise de datos en base aos cales se estableceron, ou se a Administración contaba con claves abondo para prever este descenso nos importes no momento no que se produciron as solicitudes. Pero en calquera dos dous casos resulta totalmente imprescindíbel que o Ministerio faga un urxente exercicio de responsabilidade e proceda á ampliación do orzamento até equiparalas o máximo posible.
Nesta mesmas liña cómpre encadrar as contías da axuda asociada para o vacún de carne -un sector especialmente castigado nestes últimos anos no tocante ás axudas públicas-, no que en lugar de previsións establecéronse un importe mínimo e un máximo. Segundo o importe provisional do ano 2023 feito público polo Ministerio, as gandeiras e gandeiros van percibir 3,63 euros menos por vaca, pasando dos 85,16€ do ano 2022, aos 81,53€ deste ano.
Dende o SLG-CCLL instamos ao Ministerio a ampliar orzamento até subsanar estas situacións, xa de por si incongruentes habida conta da responsabilidade que ten como administración pública de establecer políticas dirixidas garantir que se produzan alimentos a nivel de todo Estado, canto máis se temos en conta a alza de custos de produción e os problemas derivados do quecemento global aos que se están a enfrontar as labregas e labregos.