A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. ModeloModificable2

ModeloModificable2

6 de Xuño do 2023

Non hai imaxe

ANTEPROXECTO DE LEI DE PROMOCIÓN DOS BENEFICIOS SOCIAIS E ECONÓMICOS DOS PROXECTOS QUE UTILIZAN OS RECURSOS NATURAIS DE GALICIA.

 

 

Á SECRETARÍA XERAL TÉCNICA DA VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN DA XUNTA DE GALICIA.

 

 

 

………., maior de idade, con DNI ……….., con enderezo en …………………..., en nome e representación de “………..” por ser representante legal desa entidade (con enderezo en ……… e CIF ………...), ostentando nela o cargo de ………………………..,, comparezo para MANIFESTAR:

 

 

1) Que se publicou na páxina de TRANSPARENCIA da Xunta de Galicia Borrador de ANTEPROXECTO DE LEI DE PROMOCIÓN DOS BENEFICIOS SOCIAIS E ECONÓMICOS DOS PROXECTOS QUE UTILIZAN OS RECURSOS NATURAIS DE GALICIA.

 

2) Que o prazo para remitir suxestións remata o día 6 de Xuño de 2.023.

 

3) Que por medio do presente escrito pasan a formularse as seguintes

 

SUXERENCIAS ou CONSIDERACIÓNS:

 

Primeira .- Con carácter xeral.

 

En xeral, bótase en falta un artigo de definicións, que aclare moitos termos usados na norma.

 

Polo demais, o Proxecto normativo usa en exceso o concepto “discreccionalidade”, carecendo dos parámetros obxectivos necesarios para avaliar os supostos que se dean en aplicación da Lei.

 

Deberían definirse, por exemplo, a efectos desta Lei, con claridade que se entende por “sectores económicos estratéxicos para Galicia”. Ou polo menos que se referencie outra norma para identidficalos.

 

Tampouco se define – e pode ter consecuencias relevantes – que significa “efectos significativos do proxecto”

 

Segunda.-

 

En referencia ao artigo 5, 2º, “b” e “c”, comentar que en principio está ben que que se pretenda compensar (ou contrarrestar) a pegada de carbono, hídrica, etc. Pero tamén suxire que se está pensando en proxectos con incidencia (non positiva) neses ámbitos, e non en actividades máis inocuas e que aproveiten os recursos naturais con menos custes. O memo se pode dicir do “m” ao aludir á “cifra prevista de exportación anual media”.

 

Terceira.-

 

O artigo 7 é abondo expresivo: produción de enerxía e proxectos que impliquen un forte consumo de enerxía, minería e industrias extractivas.

 

Usos agropecuarios e acuicultura” pode lerse tamén, pero referíndose a proxectos que requiran da concesión de augas. Está claro que se está pensando en macroproxectos.

 

Cuarta.-

 

Comentarios ao artigo 8.

 

Dise o seguinte: “De conformidade co principio do desenvolvemento sustentable, a valoración dos beneficios sociais e económicos dos proxectos aos cales lles resulta aplicable esta lei, cuxa autorización sexa de competencia autonómica, integrarase dentro da avaliación do seu impacto ambiental, realizada de acordo coa lexislación estatal e autonómica aplicable, se esta for preceptiva, para os efectos de establecer as medidas que permitan previr, corrixir e, de ser o caso, compensar os seus efectos sobre o ambiente”.

 

Entendemos que se mezclan conceptos distintos. Co risco de “suavizar” de facto a consideración dos efectos ambientais, sobre todo se non temos claro que é o beneficio social e económico. A avaliación ambiental ten que ter por obxecto, basicamente, analizar o impacto (os custes) desde o punto de vista especificamente ambiental. Pode ser unha vía para facilitar a implantación de proxectos agresivos.

 

Polo demais, non está definida a participación real do factor “local” na avaliación dos efectos sociais ou económicos. Participación sexa social ou institucional (Concellos, Mancomunidades, entidades locais menores, etc).

 

Iso, o artigo comeza dicindo: De conformidade co principio do desenvolvemento sustentable”. Para despois no poñendo presisamente garantías para eses tipo de desenvolvementom senon para apostar polo economicismo.

 

Quinta.-

 

O artigo 15 indica o seguinte:

 

Artigo 15. Análise dos efectos sociais e económicos dos proxectos e dos servizos ecosistémicos nos procedementos de avaliación de impacto ambiental de competencia estatal.

 

1. O órgano competente en materia de ambiente da Comunidade Autónoma, no trámite da consulta preceptiva prevista na lexislación de avaliación ambiental dos proxectos aos cales lles resulta aplicable esta lei, cuxa autorización sexa de competencia estatal, analizará, en particular, os efectos sociais e económicos enumerados no artigo 5 desta lei que deriven da execución do proxecto, e os compromisos adicionais das persoas promotoras, dirixidos a xerar beneficios sociais e económicos no territorio, así como a prevención, corrección e, de ser o caso, compensación dos efectos sobre os servizos ecosistémicos, e a súa conservación, recuperación e uso sustentable.

 

2. Para a realización deste informe, o órgano ambiental poderá solicitar información aos órganos da Administración e do sector público autonómico sobre os aspectos que sexan da súa competencia e, en particular, á consellería con competencias en materia de economía”.

 

Unha vez máis, tamén para proxectos cuxa autorización sexa de competencia estatal, observamos unha primacía do concepto economicista sobre consideracións ambientais e de defensa do territorio.

 

Sexta.-

 

En relación co artigo 17, obsérvase unha excesiva discreccionalidade para unha declaración “de especial interese social e económico”. Máxime cos beneficios que isto comporta: prioridade na tramitación e tramitación de urxencia con redución de prazos administrativos á metade. Non se xustifica.

 

Sétima.-

 

Vexamos o artigo 18,2º:

 

Manifesto a miña postura contraria, deixándose o Plan sectorial eólico de Galicia (posto en marcha pola Xunta de Galicia), en realidade en papel mollado. O que leva a pensar que non hai territorio galego a salvo da implantación destas infraestruturas. Dise que sempre que sexa ambientalmente aceptable (faltaría máis ¡¡). Pero se se dan as condicións citadas no artigo, non hai territorio a salvo da implantación destas infraestruras (ademais cando, como manifestamos antes, o ambiental en sí mesmo é correxido por outros factores).

 

Octava.- O tema da auga no artigo 19.

 

- En relación ao apartado 1º, Ao meu modo de ver, a filosofía é esta: “A auga (tamén) ao servizo de proxectos intensivos”

 

- En coherencia co anterior, e en relación ao apartado 3º: establécese a prioridade de usos para megaproxectos. Tamén se fala de conservar, compensar e recuperar, cando en realidade se debería evitar ter que restaurar, compensar, etc, non dándolle proioridade aos proxectos máis “grandes”.

 

Novena.-

 

 

Artigo 20. O que procede comentar, sen máis, é que se lle dá carta branca á actividade mineira extractiva con base nuns beneficios sociais e económicos valorados moi discreccionalmente. Favoritismo, discreccionalidade, simplificación de trámites …. pasando do ambiental e tamén (e moito) en realidade do verdadeiramente social

 

Décima.-

 

No artigo 51 (“Normas de aplicación directa para as instalacións ou infraestruturas para produción de enerxías renovables en áreas empresariais”) a premisividade é moi grande. En xeral no artigo. Pero deteñámonos nalgúns exemplos do apartado :

 

- “As ordenanzas dos parques empresariais en materia de alturas máximas, recuamentos, edificabilidade e outras similares serán interpretadas de xeito que favorezan a implantación das instalacións ou infraestruturas para produción de enerxía a partir de fontes de enerxías renovables “.

 

Dise como se debe interpretar outra norma: a Ordenanza: dun xeito flexible. Flexible sen límites? Todo un canto á arbitrariedade;

 

- “Os elementos singulares das instalacións ou infraestruturas antes citadas poderán superar a altura máxima prevista nas ordenanzas”.

 

Deixando á Ordenanza en puro papel mollado …. e sen poñer límite de altura. “Poderán superar” …. pero sen poñer un tope.

 

- “As distancias mínimas en materia de recuamento computaranse desde a edificación principal, sen ter en conta as instalacións ou infraestruturas para produción de enerxía a partir de fontes de enerxías renovables implantadas na zona de recuamento ou nos espazos libres de edificación”.

 

O normal é que un cómputo desde tipo se faga desde a construción/instalación máis próxima ao límite ou linde. Por outra banda: que criterio hai para determinar cal é a instalación principal? En base a que criterios é “principal”? É sempre determinable? Do xeito que está redactado pode supoñer unha proliferación incontrolada e permitida de instalacións eléctricas até a saturación.

 

- “As citadas instalacións ou infraestruturas para produción de enerxía a partir de fontes de enerxías renovables non computarán para efectos de edificabilidade”.

 

Non ten moita lóxica; sobre todo se non se lle pon límites á súa dimensión.

 

Décimo primeira.-

 

Respecto dos 4 primeiros apartados da Disposición adicional 1ª:

 

Aprovéitase o concepto de “sinerxia” (máis “sinerxia” económica que ambiental) para que a apreciación da fragmentación quede diluida. E iso dentro dun “revestimento” ambiental.

 

Na práctica, dilúese a consideración do que é a fragmentación (cando hai Xurisprudencia ao respecto).

 

Reprodúcense párrafos significativos:

 

“….. compartición de accesos e infraestruturas, non obsta para a consideración da autonomía de cada proxecto de parque eólico….”; “Para estes efectos, para a autorización independente de cada parque eólico, e sen prexuízo da valoración de posibles efectos sinérxicos, recollida no número 1 desta disposición, teranse en conta o carácter unitario de cada parque e a súa consideración autónoma e independente, sempre que teña capacidade de funcionamento separado, aínda que comparta infraestruturas con outros parques ….”; “Tampouco afectará a autonomía e independencia de cada parque, nos termos indicados, o feito de que poidan existir nas súas proximidades outros parques promovidos polo mesmo promotor, sempre que se xustifique que iso vén determinado por un uso racional das posibilidades de explotación ofrecidas polo terreo”;.

 

Priman as “posibilidades de explotación”; iso sí, coa cobertura dun “uso racional”

 

Non podo comparti a filosofía nen da norma nen deste artigo, e entendo que non debería lexislarse nesta dirección.

 

Termos ben inconcretos como “zona de influencia”, “efectos significativos” ou “uso racional” neste contexto abre a porta a efectos non desexables no ambiental e tamén no social.

 

Décimo segunda.-

 

A Disposición Derrogatoria única elimina o Rexistro eólico de Galicia.

 

Unha vez máis, a miña oposición. Parece redundar nunha menor información, nunha menor transparencia e control social.

 

Décimo terceira.-

  

 

A Disposición derradeira segunda da norma proxectada tamén engade unha nova disposición transitoria novena da Lei 8/2009, do 22 de decembro . O texto da norma proxectada di así: “As infraestruturas de evacuación correspondentes a parques eólicos resoltos desfavorablemente ou arquivados como consecuencia dunha declaración de impacto ambiental desfavorable ou por desistencia do promotor serán arquivadas, agás que no prazo de tres (3) meses desde a dita resolución o promotor acredite que a infraestrutura de evacuación evacúa a enerxía dalgún proxecto de enerxía renovable ou autorizado.

 

Manifesto a miña disconformidade con tal posibilidade, que xera inseguridade xurídica, instaurando unha expecie de “amnistía” que contradi o xa feito.

 

Décimo cuarta.-

 

Os beneficios fiscais previstos nos dous últimos apartados da norma proxectada parécennos excesivos, e son desde logo demasiado incondicionados.

 

Décimo quinta.- Consideración final.

 

Por todo o exposto, manifesto o meu rexeitamento ao Borrador exposto, entendendo que non debería convertirse en norma.

 

Solicito que se reconsidere a decisión de aprobalo e que se regulen os beneficios sociais e económicos desde outros parámetros.

 

Unha Lei que pretenda regular axeitadamente tales beneficios, no meu criterio, debería ter en comparación con esta norma: menos economicismo, máis participación social e local, menos discreccionalidade, máis obxectividade, menos uso abusivo e intensivo do territorio, máis respeto polas poboadoras, es, menos deprededació, máis repeto polos recursos naturais e o seu uso racional, sustentable e en beneficio da sociedade.

  

 

E para que así conste, en Santiago de Compostela, a …… de Maio de 2.023.

 

 

Asdo: ………….

 

 

 

Sinatura ______________________________________________

 

 

 

Ficheiro adxunto