A instancias do SLG, a CMR admitiu a agroambiental de economía circular, malia que con menor importe do que solicitabamos. Detectamos que a información non está chegando ás labregas/os. Cómpre incrementar as solicitudes para mellorar esta axuda
5 de Xuño do 2023
A instancias do SLG, a CMR admitiu a agroambiental de economía circular, malia que con menor importe do que solicitabamos. Detectamos que a información non está chegando ás labregas/os. Cómpre incrementar as solicitudes para mellorar esta axuda
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) levamos moitos anos denunciando o inxusta que é a Política Agrícola Común (PAC) para as granxas galegas. Unha das discriminacións máis graves é o feito de que persoas que están dadas de alta na Seguridade Social Agraria e viven en exclusiva da actividade agraria, poden estar certificadas como ecolóxico e, sen embargo, cobrar cero euros da PAC, debido cuestións como non ter historicamente dereitos de pago ou por contar con “pouca” superficie en comparación con outros territorios estatais ou europeos.
Para correxir esta situación, durante o periodo de reforma da PAC dende o SLG insistimos ao Ministerio de Agricultura e á Consellaría do Medio Rural en que, atendendo á normativa europea, é posible incluír a estas persoas no primeiro piar da PAC, como ilustramos co exemplo do Plan Estratéxico da PAC francés e, a tenor do artigo 65 do Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os estados membros no marco da PAC, que permite pagos a tanto alzado (ás persoas e non ás hectáreas), tamén poden ser incluídas nas medidas do segundo piar.
Froito deste traballo, este ano na Galiza a Consellería por primeira vez admitiu esta posibilidade e presentounos unha agroambiental para as persoas que fan venda directa. Se ben limitou a contía a 1.500€, en lugar do mínimo de 3.600€ solicitados polo SLG, esta axuda abre un camiño importante para as pequenas e medianas explotacións, en moitas ocasións ninguneadas á hora de ser tidas en conta para as axudas públicas, que para ser mellorada en vindeiras convocatorias debe contar na presente cun número significativo de solicitudes.
Nembargantes, en plena tramitación da PAC, dende o SLG estamos detectando que en moitas ocasións a información sobre esta axuda agroambiental non está chegando ás persoas destinatarias, xeralmente por descoñecemento de quen fai a PAC ou porque a información non chegou ás persoas labregas con menos hectáreas, posto que habitualmente non tramitan a solicitude única da PAC.
Dende o Sindicato Labrego Galego queremos enfatizar a importancia de difundir información ao respecto da existencia desta axuda, así como da súa tramitación [ADXUNTAMOS GRÁFICO INFORMATIVO DO SLG]. É moi importante que as persoas que cumpran os requisitos a soliciten. En primeiro lugar, porque lles corresponde, e, en segundo termo, porque se hai un número importante de solicitudes presentadas podemos entre todas mellorar próximas convocatorias da mesma, en requisitos e en contía, posto que os 1.500 euros habilitados pola Consellaría son claramente insuficientes.