Dende 2021 vimos denunciando o incumprimento dos ratios de traballadoras e as graves consecuencias para as usuarias. A situación é xa insostíbel dende fai meses, chegando a haber só 7 traballadoras para coidar e atender a 157 persoas dependentes
25 de Maio do 2023
Dende 2021 vimos denunciando o incumprimento dos ratios de traballadoras e as graves consecuencias para as usuarias. A situación é xa insostíbel dende fai meses, chegando a haber só 7 traballadoras para coidar e atender a 157 persoas dependentes
A vogal do Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL) no Consello de Benestar Social, Margarida Prieto, traslada o apoio do SLG ás demandas das traballadoras da Residencia de Maiores de Vilalba -xestionada pola Fundación Hospital Asilo de Vilalba (FHAV)-, que hoxe rexistraron un escrito dirixido á alcaldesa Elba Veleiro Fernández -dado que o Concello é parte do Padroado da Fundación Hospital Asilo de Vilalba-, así como á Inspección de Traballo, para denunciar as graves dificultades que están a ter para poder levar adiante unha correcta atención ás persoas residentes.
Xa en abril do ano 2021, logo de recibir queixas de persoas usuarias da residencia de maiores, denunciamos dende o SLG a falta de persoal e o incumprimento dos ratios regulados na normativa de Centros de Servicios Sociais.
A día de hoxe, dous anos despois, as traballadoras denuncian que seguen a incumprirse os ratios requeridos pola Lei de Servizos Sociais, toda vez que non se cubren as ausencias. Na actualidade hai aproximadamente 157 residentes repartidos en 6 pavillóns. Nalgúns deles hai até 30 residentes e só unha persoa traballadora en quenda de mañá. Durante a tarde estes 157 residentes están atendidos por 7 traballadoras que, entre outras tarefas, deben levantar da sesta, cambiar cueiros, dar as merendas, xestionar as visitas, dar as ceas e deitar a estas máis de cen persoas.
Esta situación é inda máis complicada por mor da falta de actualización da situación de dependencia das persoas usuarias, figurando moitas grandes dependentes so con supervisión física ou verbal, segundo nos trasladan as traballadoras. Á falla de persoal engádense as dificultades de non contar tampouco con medios materiais suficientes para a atención das persoas residentes, tales como grúas adaptadas, cadeiras de rodas e todo tipo de material sanitario.
Esta situación prolongada nos últimos meses é totalmente insostible e repercute gravemente tanto na saúde das traballadoras, derivado do nivel de estrés e ansiedade que están a sufrir ao non contar co persoal nin cos medios necesarios, como na calidade de atención ás persoas residentes, que se poden ver afectadas de maneira moi importante nos seus coidados.
Canda a denuncia dirixida polas traballadoras ao Concello, a vogal do SLG no Consello Galego de Benestar Social dirixiuse tamén o pasado 14 de abril e o 18 de maio á Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Consellería de Política Social e Xuventude para solicitar que se comprobe con caracter de urxencia se é certo que as persoas usuarias teñen recollido de xeito incorrecto na documentación da entidade o grao de dependencia e, polo tanto, mal realizados os seus coidados.
Margarida Prieto xa requerira tamén no mes de abril coñecer o número de persoal sanitario e non sanitario que lle corresponde á residencia de persoas maiores Fundación Hospital Asilo segundo o número de persoas usuarias que atende na actualidade, así como que número de traballadores ten contratado na actualidade nas diferentes categorias.
Solicitamos así mesmo saber se esta entidade ten abertos expedentes sancionadores por incumprimentos, coñecer cantas inspeccións se teñen feito nos últimos dous anos na residencia de persoas maiores FHAV, e tamén saber se nestas inspeccións se detectaron incumprimentos relacionados cos feitos denunciados e, no caso de detectárense, se fixeron posteriores inspeccións para comprobar a súa debida corrección.