Solicitamos activar unha mesa da seca para o sector agrario, plans de aforro hídrico conxuntos e apoios para as granxas. O RD non se axusta á realidade galega. Demandamos facer un traballo específico dende Galiza fronte á seca e á suba de custos
15 de Maio do 2023
Solicitamos activar unha mesa da seca para o sector agrario, plans de aforro hídrico conxuntos e apoios para as granxas. O RD non se axusta á realidade galega. Demandamos facer un traballo específico dende Galiza fronte á seca e á suba de custos
Esta mañá a Consellaría do Medio Rural convocou unha xuntanza para valorar cas organizacións agrarias o recentemente aprobado Real Decreto-lei 4/2023, polo que se adoptan medidas urxentes en materia agraria e de augas en resposta á seca e ao agravamento das condicións do sector primario derivado do conflito bélico en Ucraína e das condicións climatolóxicas.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) defendemos nesta xuntanza que hai que ter un traballo en Galicia tanto co tema da seca como co dos custos de produción. É absolutamente irreal fiar esta problemática unicamente ás actuacións a nivel deste Real Decreto. As consecuencias desta posición ímolas pagar a cidadanía e, de xeito diferenciado, o sector produtor de alimentos, que xa o ano pasado tivemos que enfrontar graves perdas.
Hoxe solicitamos ao conselleiro José González e ao Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, que a partir da incidencia nos cultivos e nos distintos sectores agrarios e gandeiros sexan establecidas accións concretas para mellorar a rendabilidade das granxas. Demandamos á Consellaría que estableza unha mesa de traballo agraria sobre a seca para presionar ao Ministerio, e que desenvolva medidas preventivas para traballar sobre a dispoñibilidade de auga en Concellos que xa tiveron problemas no pasado. Tamén pedimos especificamente que se acomentan accións para subsanar a nosa falta de base territorial para conseguir depender menos dos insumos externos, axudas aos sectores afectados e traballar con centros de investigación e as propias granxas para ver de identificar e pór en marcha accións que nos permitan aforrar e almacenar auga.
No tocante á posición do sector con respecto ao Real Decreto, a semana pasada a sorpresa nas granxas galegas foi maiúscula ao comprobar no momento da súa publicación que as contías avanzadas polo Ministerio de Agricultura, nomeadamente os 355 millones de euros para as granxas de carne e leite e os 5 millóns para a apicultura, limítanse no caso galego a 39,25€ por vaca nodriza, 15,2€ vaca, 4,5€ por ovella e cabra de carne e un total de 15.000€ para as persoas apicultoras -na Galiza quedan fóra a práctica totalidade, só 3 persoas produtoras cumpren os requisitos-.
É obvio que os criterios do Ministerio non son válidos para Galicia. En carne e leite, por exemplo, as nosas granxas deberán competir en prezos con explotacións que van recibir o triple nestas axudas. Por parte da Consellería comprometéronse a pedir unha xuntanza co Ministerio, para poder dispor da marxe de fondos FEADER para ver as axudas aos sectores afectados, e que non se perdan fondos europeos, dende o SLG-CCLL ficaremos atentas a esta xestión.
Cabe facer fincapé tamén en que o reparto do Ministerio, ademais de vergoñento, nin sequera respecta os propios obxectivos específicos desta medida. No propio texto do RD, o Goberno estatal recoñece que o sector produtor de alimentos vense enfrontando dende o ano 2020 “a grandes tensiones causadas por factores exógenos que han ido superponiéndose: la pandemia de COVID 19, la crisis logística de 2021 y la situación de costes y mercados generada por la invasión de Ucrania en febrero de 2022, que aún perdura y a la que se añade ahora un prolongado escenario de sequía, altas temperaturas y fenómenos climatológicos extraordinarios”.
Sen embargo, as contías establecéronse tendo en conta unicamente a clasificación de Galiza como zona de afección moderada pola seca. Hoxe reiterámoslle ao conselleiro José González e ao Director Xeral José Balseiros, que dende o SLG-CCLL non estamos dacordo co criterio estatal de que en Galicia o problema da seca non afecta, pois temos comarcas moi impactadas e hai zonas de Ourense e sur de Lugo nas que este problema é xa moi importante. No relativo aos custos de produción, o seu incremento afecta a todo o territorio galego, e ademais hai preocupación por outras cuestións, como por exemplo polo aumento do sacrificio de vacas que veñen de fóra de Galicia, e o seu impacto nos prezos.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas instamos ao conselleiro e ao DX de Gandaría e Agricultura a cumprir cas súas responsabilidades como interlocutores diante do Ministerio de Agricultura na defensa dos intereses e demandas do sector produtor de alimentos galego, e se poñan mans á obra para implementar dende a Xunta de Galicia un plan de aforro e reserva de auga que impida que en poucas semanas nos vexamos cos mesmos problemas de colleitas estragadas e incremento de perdas para as granxas que tivemos que padecer o verán pasado.