Pedimos información sobre o procedemento de aprobación simultánea de 77 DIAs en xaneiro e 75 polígonos eólicos en abril. Queremos saber o número de proxectos identificados como fraccionados ilegalmente e de avaliacións externalizadas
11 de Maio do 2023
Pedimos información sobre o procedemento de aprobación simultánea de 77 DIAs en xaneiro e 75 polígonos eólicos en abril. Queremos saber o número de proxectos identificados como fraccionados ilegalmente e de avaliacións externalizadas
O vogal do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (COGAMADS), Diego Sánchez Agra, dirixiuse á conselleira de medioambiente, Ángeles Vázquez, na súa condición de presidenta do mesmo, para solicitar información relativa aos numerosos polígonos industriais eólicos en tramitación pola Xunta de Galicia.
Habida conta das irregularidades no proceder do oligopolio empresarial que se disputa o mercado da enerxía eólica no noso territorio, reiteradamente denunciadas polo SLG e outras organizacións sociais, Agra demandou datos exactos sobre o número de expedientes informados negativamente por fraccionamento, así como o número de expedientes externalizados para a realización dos informes ambientais, práctica pola que a Xunta foi condenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o ano pasado.
Na liña de aclarar o xeito no que a administración pública galega está a acelerar a tramitación de polígonos industriais eólicos, dende o Sindicato Labrego Galego instamos á Presidenta do COGAMADS a convocar urxentemente o Pleno deste órgano de participación social para proporcionar información exahustiva sobre o procedemento a través do cal se produciu a aprobación simultánea de 77 declaracións de impacto ambiental emitidas en xaneiro -20 delas correspondentes a infraestructuras que afectarían a Reservas da Biosfera-, así como explicacións pormenorizadas daquelas actuacións administrativas que permitiron ao Presidente Rueda anunciar a aprobación de 75 novos polígonos de xeito conxunto nos tres meses seguintes. Habida conta dos dilatados espazos de tempo que transcurre entre as convocatorias do COGAMDS, Agra apuntou a pertinencia de que esta información vaia sendo adiantada por correo electrónico.
Por último, canda a solicitude de información ao respecto dos informes sectoriais emitidos para a avaliación dos impactos dos parques eólicos, en especial sobre os de emerxencias para extinción de incendios forestais e de afectación á actividade agraria, o vogal do SLG-CCLL fixo fincapé na necesidade de que a conselleira Ángeles Vázquez explique canto antes no COGAMADS se tanto dende a Consellería de Medio Ambiente como dende a de Industria e outros organismos responsábeis están a ser tidas en conta as conclusións do Informe sobre a viabilidade das instalacións eólicas, fotovoltaicas e termosolares, incluída a repotenciación e infraestruturas asociadas, nos territorios declarados Reservas da Biosfera en España, presentado recentemente polo Consello Científico do Comité español do Programa M&B, e realizado a instancias do SLG-CCLL e outras organizacións sociais, principalmente galegas.