A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Veciñanza de Loentia traslada á Subdelegada do Goberno a súa preocupación ante a posible instalación da agroindustria Surexport

Veciñanza de Loentia traslada á Subdelegada do Goberno a súa preocupación ante a posible instalación da agroindustria Surexport

14 de Abril do 2023

surexplotacion

O deterioro de Doñana provocado polo acaparamento de augas da agroindustria de froitos vermellos alerta á veciñanza luguesa. Canda a rolda de contactos con institucións, as comuneiras valoran iniciar medidas xudiciais ante o a opacidade do proxecto

Veciñanza e labregas reuníronse hoxe ca Subdelegada do Goberno de Lugo, Isabel Rodríguez, para trasladarlle a crecente preocupación existente na contorna ante a posible instalación na parroquia de Loentia (Castro de Rei, Lugo) dunha macroexplotación de froitos vermellos propiedade da polémica multinacional de orixe andaluza Surexport.

Na xuntanza, solicitada polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), as veciñas e veciños subliñaron a inquedanza que está a causar a posibilidade de que o modelo agroexplotación intensiva culpable do deterioro extremo de territorios como Doñana, avance a súa instalación na Galiza ca intención de acaparar novas terras e recursos hídricos, expulsando directamente neste caso a varias granxas de Loentia que empregan as terras para alimentar ao gando.

Como vimos denunciando dende o ano pasado, e como foi trasladado hoxe á Subdelegada do Goberno, o escurantismo e opacidade caracterizan dende o seu inicio este proxecto que supostamente afectaría a case un cento de hectáreas do monte comunal, sen que a día de hoxe a Directiva da Comunidade de Montes teña proporcionado información ao respecto do lugar exacto onde se instalaría nin o tempo ou condicións nas que se faría este posible alugueiro.

Canda a probada insostenibilidade medioambiental destas producións agroindustrias, a veciñanza afectada recalcou a importancia de seguir de perto as condicións nas que, chegado o caso, se vaia a producir a chegada e instalación na contorna dos varios centos de traballadoras/es -calcúlase que perto dun milleiro- requeridos para esta explotación. Neste sentido destacaron a necesidade de que por parte das institucións correspondentes se preste especial atención ás condicións laborais e de habitabilidade destas persoas, habida conta das polémicas que arrodean á empresa Surexport.

Canda o inicio desta rolda de contactos con distintas administracións para alertar da situación, varias persoas están tamén valorando iniciar medidas xudiciais, ao entender vulnerados os seus dereitos como comuneiras por mor da negativa da Directiva a proporcionar a información correspondente sobre as condicións nas que se solicita a instalación desta agroexplotación.

En todos estes procesos seguirán contando co apoio do Sindicato Labrego Galego, dende onde seguiremos denunciando o incumprimento de normativas medioambientais e dereitos humanos e sociais que caracterizan á agroindustria, e demandando políticas públicas que garantan o desenvolvemento dun modelo de produción de alimentos respectuoso cas persoas e o medio ambiente, protagonizado por moitas pequenas e medianas explotacións, en base a un modelo agroecolóxico e no camiño da soberanía alimentaria.