A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. XVII Encontro da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego

XVII Encontro da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego

16 de Marzo do 2023

XVIIEncontroMulleresSLG

Este ano terá lugar o sábado 18 e o domingo 19 de marzo en Bergondo, centrarase na identificación das violencias machistas. Arredor dun cento de mulleres labregas participarán nas actividades formativas, palestras e espazos de convivio

A vindeira fin de semana celebraremos a decimoséptima edición do encontro anunual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), órgano do SLG-CCLL de acción transversal a toda a actividade sindical da nosa organización.

A XVII edición desta xuntanza terá lugar no Espacio Sociocultural A Senra de Bergondo o 18 e 19 de marzo, baixo o lema “Identificando as violencias e construíndo un bo trato”, acollendo espazos de traballo e convivencia centrados en avanzar na identificación dalgunhas das violencias que afectan ás mulleres labregas, e finalizando cun obradoiro da activista feminista Tareixa Ledo para avanzarmos no bo trato, tamén con nós mesmas, así como autovalidarnos e recoñecernos.

Levamos décadas alertando da violencia estructural do capitalismo neoliberal como sistema económico, e do seu impacto diferenciado nas mulleres. Ademais, no caso das labregas, malia que somos nós as que ao longo de todo o planeta alimentamos ao mundo, non temos a propiedade das terras ou non constamos como titulares das explotacións, e habitamos áreas rurais violentadas pola cobiza das depredadoras agroindustrias e industrias enerxéticas, de feito as mulleres adoitamos incorporamos sempre na primeira liña nas loitas pola defensa da terra, da Vida”, explica a actual responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, a gandeira María Ferreiro.

Mulleres labregas da comarca de Betanzos serán as encargadas de dar a benvida ás participantes. Isabel Vilalba, Secretaría Xeral do SLG, encetará o encontro ás 11h. do sábado 18 introducindo a programación desta primeira xornada, baixo a premisa “Identificando as violencias do sistema como mulleres labregas”. A propia Isabel Vilalba, canda a tamén gandeira e economista especializada en Política Agraria Común (PAC) Ana Rodríguez, desenvolverán ás 11.15h. a palestra “Invisibilizando os proxectos das mulleres labregas”, centrada na identificación de violencias no ámbito profesional cuestionándonos como nos afectan como labregas as políticas públicas e na análise da PAC dende unha perspectiva feminista.

A segunda parte da mañá abordará as violencias no ámbito educativo, para o que contaremos ca labrega afiliada do SLG Belén Fervenza, que exporá a súa experiencia na búsqueda de escola para crianzas, así coma as cooperativas galegas de traballo asociado sen ánimo de lucro Arabías, que deseña e dinamiza procesos para a transformación social co obxectivo de contribuír ao avance da igualdade de xénero e á erradicación das violencias machistas, e Outonía, que procura xestionar proxectos educativos desde e para os territorios rurais, fiando realidades e propostas a través dos feminismos, a sustentabilidade rural e o respecto pola memoria e o patrimonio inmaterial das nosas comarcas. 

Logo do xantar, na tarde do sábado falaremos sobre violencias machistas no eido da Saúde, cunha palestra sobre violencia obstétrica impartida pola matrona Esther Parada. A continuación analizaremos tamén as violencias no ámbito xudicial a través da charla “A lei do só sí e sí, máis protexidas ou máis desprotexidas?”, impartida pola escritora e activista feminista Nanina Santos.

No serán, previamente á cea compartida na que degustaremos alimentos levados polas mulleres participantes no encontro, a labrega da comarca Carmen de Vilarmaior dinamizará unha cerimonia de intercambio de sementes -tamén denominada “mística” no ambito das organizacións que integramos La Vía Campesina Inernacional-. Esta primeira xornada finalizará co desfrute dun espazo festivo-combativo logo da cea.

A mañá do domingo 19 estará protagonizada polo obradoiro “Autovalidarnos como mulleres labregas”, conducido pola académica e activista feminista Tareixa Ledo. Logo do xantar pecharemos este XVII Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG visitando un proxecto de horta ecolóxica da nosa afiliada Ana María Rodríguez Lago (Carral).

Sindicalismo labrego feminista

Constituída no ano 1990, a Secretaría das Mulleres destacou dende a súa posta en marcha como unha das áreas de traballo máis activas da nosa organización, así como pola súa significativa proxección a nivel estatal e internacional, configurando ao SLG como unha das principais organizacións sindicais agrarias de referencia no feminismo a tódolos niveis.

Asemade, salientábeis lideresas labregas do SLG, como Lídia Senra ou Isabel Vilalba, asumiron a responsabilidade da Secretaría das Mulleres antes de se incorporar como secretarias xerais da nosa organización.

Dende fai décadas o Sindicato Labrego Galego destaca no ámbito das organizacións agrarias, tanto na Galiza, como no Estado ou a nivel europeo e internacional a través da Vía Campesina, por un traballo constante de consolidación da transversalización da perspectiva de xénero na nosa organización. Non son poucas as situacións nas que nos preguntan se o SLG é un sindicato só de labregas, porque habitualmente participamos en todo tipo de espazos, sexan de negociación, reivindicativos, sociais, académicos... a través de compañeiras mulleres. Para nós é o normal, o que se nos fai raro e seguir sendo inda a día de hoxe, en moitas ocasións, a única organización representada por unha muller neste tipo de espazos”, relata María Ferreiro, responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG.