A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG participa e coordina a I Escola Feminista de La Vía Campesina en Maputo (Mozambique)

O SLG participa e coordina a I Escola Feminista de La Vía Campesina en Maputo (Mozambique)

7 de Marzo do 2023

lvc_070323

A gandeira de Xunqueira de Ambía e integrante do CC da CEVC, Sonia Vidal, é unha das responsábeis político-pedagóxicas. Do 7 ao 14 de marzo a coordenadora internacional LVC reune en África 70 representantes de 39 países das súas rexións membro

A gandeira de Xunqueira de Ambía e integrante do Comite de Coordinación da Coordenadora Europea de La Vía Campesina Internacional (LVC), Sonia Vidal Lamas, está participando dende hoxe e até o vindeiro 14 de marzo na I Escola Feminista de LVC, que está a ter lugar en Maputo (Mozambique).

A compañeira do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), canda outras mulleres como a histórica lideresa brasileira do Movemento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST), Itelvina Massioli, forma parte da coordinadora político-pedagógica desta convocatoria, desenvolvendo os temas e dándolle forma a esta escola. Hoxe é un día histórico para a LVC. Comenza a nosa primeira escola feminista internacional, 68 mulleres de todo o mundo viaxaron a Maputo para este evento, as delegadas veñen dende as Américas, Asia, África e Europa. Estes días van ser fundamentais para seguir nutrindo de feminismo a loita labrega e reforzármonos como mulleres dentro desta coordenadora global”, explica Sonia Vidal.

A través desta I Escola Feminista, a LVC ten como obxectivo formar mulleres formadoras para multiplicar os temas da escola nas rexións, países e demais procesos formativos mixtos de LVC. Durante estas xornadas daranse a coñecer as bases teóricas e as experiencias prácticas da loita que xurdiron dentro do movimiento feminista a nivel mundial, dende miradas feministas e interseccionais, avanzando na comprensión e afondamento do percorrido feminista das mulleres que dinamizan o Feminismo Campesino Popular dentro de LVC.

A través do intercambio das diferentes perspectivas das loitas feministas entre as rexións procurarase unificar puntos ideolóxicos en común e bandeiras de loitas compartidas, recoñecendo as ferramentas dispoñíbeis para traballar no concreto.

Asemade, partindo da premisa Como coidarnos e coidar ás demais? abrirase un espazo de intercambio de estratexias de autocoidados, de saberes –sabores– e coidados, ofrecendo un espazo de diálogo con propostas para sandar conflictos, dores… para ampliar e fortalecer os vínculos dentro deste movemento labrego.

Na xornada de hoxe, a galega Sonia Vidal e a brasieira Itelvina Massioli serán as responsábeis de explicar o formato da escola, as equipas de traballo que se van a formar, a axenda dos próximos días, o programa pedagóxico e os horarios; durante a sesión de tarde prepararase a manifestación que terá lugar mañá en Maputo con motivo do 8 de marzo. “Procuraremos unhas normas de convivio axeitadas para que todas as mulleres teñan oportunidade de participación e facernos fortes en toda a riqueza e empoderamento que nos dá a diversidade das loitas feministas que dende as organizacións integrantes de LVC levamos adiante en todo o mundo”, abonda a respresentante do SLG-CCLL.