A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política social confirma discriminación de colectivos vulnerábeis no acceso ao complemento de alugueiro

Política social confirma discriminación de colectivos vulnerábeis no acceso ao complemento de alugueiro

14 de Febreiro do 2023

pensionsnoncontri

A vogal do SLG no Consello Galego de Benestar solicitou a revisión do caso dunha perceptora de pensión non contributiva. Demandamos a revisión dos expedientes de persoas en situación de vulnerabilidade á que se teña negado a axuda para alugueiro

No mes de novembro do pasado ano, a vogal do Consello Galego de Benestar en representación do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Margarida Prieto Ledodirixiuse a este órgano, á Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria e á Valedora do Pobo para alertar da existencia de casos de persoas en condición de vulnerabilidade social perceptoras de pensións non contributivas ás que a Administración pública está a denegar unha prestación fundamental para a súa supervivencia, como é o complemento por alugueiro.

O caso que fixo saltar as alarmas no SLG-CCLL foi o dunha muller de leva vivindo e pagando alugueiro na mesma vivenda en Redondela dende o ano 1973, á que se lle denegou o complemento que viña percibindo dende facía máis de dez anos.

Nese momento, dende o SLG solicitamos que por parte do Consello Galego de Benestar Social se iniciasen os trámites diante do correspondente departamento da Consellería de Política Social para que á maior brevidade posible se investigase o caso concreto denunciado, así como a revisión de casos similares. Froito desta solicitude, na reunión do Consello do mércores 21 de decembro conseguiuse acadar o compromiso de revisar de oficio o complemento por alugueiro desta muller.

Finalmente, confirmando a denuncia realizada pola nosa vogal no Consello Galego de Benestar, a Consellaría de Política Social e Xuventude vén de recoñecerlle o dereito ao complemento de alugueiro de vivenda.

Dada a posibilidade de que a discriminación sufrida inicialmente por esta persoa poda estar estendida a este colectivo vulnerable conformado maiormente por persoas maiores con baixos recursos, dende o SLG solicitamos que por parte do Consello Galego de Benestar Social se inicien os trámites correspondentes diante da Consellería de Política Social para que á maior brevidade posible se investiguen os casos de persoas perceptoras de pensións non contributivas ás que se lles estea a negar o complemento por alugueiro.