A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Na defensa das pequenas e medianas granxas: VOTA SLG-CCLL nos Consellos Reguladores das DO e IXP´s

Na defensa das pequenas e medianas granxas: VOTA SLG-CCLL nos Consellos Reguladores das DO e IXP´s

2 de Febreiro do 2023

MESASTG23

O domingo 19 de febreiro terán lugar as eleccións para renovar 15 Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe e IXPs. Propoñemos unha batería de medidas para que a IXP Vacún de Galicia estea realmente ao servizo das persoas produtoras

Compostela, 01 de Febreiro 2023. O vindeiro 19 de febreiro haberá eleccións para renovar a composicións de 15 Consellos Reguladores (CCRR) das Denominacións de Orixe (DO) e Indicacións Xeográficas protexidas (IXP) na Galiza. Entre outros CCRR, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) presentará candidatura á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vacún de Galicia.

Neste ano 2022 a Xunta denegoulle a 637 granxas a axuda de xestión sustentábel de pastos, denegoulles a 119 granxas de leite a axuda para extensificar a produción, denegoulles, entre outras, a 124 de 150 a axuda para conversión a gandería ecolóxica e a 109 a axuda de mantemento de gandería ecolóxica, e iso, malia que contamos con un escaso 5% de superficie certificada e a Unión Europea di que deberiamos ter un 25% para o 2030.

O Sindicato Labrego Galego é a única voz das que se presentan as próximas eleccións que se posicionou claramente en contra destes ataques. Do mesmo xeito, opoñémonos á intención da Xunta de Galicia de eliminar para o próximo período as axudas para as granxas de zonas desfavorecidas de zonas distintas de montaña, así como á decisión de facer obrigatorios os cadernos e trámites dixitais, agravando o progresivo desmantelamento das oficinas agrarias comarcais e a eliminación de servizos públicos.

Candidatura do SLG-CCLL

Despois de máis de 10 anos loitando e defendendo os intereses da produción tradicional na IXP agora chamada Vacún de Galicia, o gandeiro Adolfo Cabarcos dará nesta convocatoria o relevo a novas compañeiras e compañeiros do SLG-CCLL: Samuel Formoso -gandeiro na comarca da Limia, onde conta cun rabaño de arredor 160 cabezas en extensivo-; Jesús Pardal Castro -gandeiro da comarca de Compostela, produtor de Limiás en ecolóxico e en extensivo; Henar Román Fernández -gandeira da Terra Chá, ten unha granxa de vacún de carne co seu fillo e outra co seu marido, consitiuídas asemade na cooperativa ROCA SC para a produción, transformación e comercialización de produtos agrarios-; Juan Valcárcel González -da comarca de Lugo, ten 37 vacas nais de rubia galega e é o presidente da ADS Gandeiros de O Corgo que engloba máis de 100 granxas da súa contorna e que leva moitos anos caracterizándose por unha moi boa xestión en materia sanitaria-, e María Osorio López -gandeira da comarca dos Ancares que se fixo cargo da granxa familiar por xubilación, actualmente ten rabaño de 25 animais de rubia galega e vianesa, e é unha das persoas mozas que dinamiza a súa contorna e traballa para pór en valor a produción de Tenreira Galega Suprema e a gandaría en extensiva, consciente da necesidade que as mozas e os mozos poidan construír un futuro axeitado na gandaría nos pobos e vilas do rural galego.

Hai unha gran e fundamental razón para apoiar no día a día e votar ao Sindicato Labrego Galego nas próximas eleccións a Consellos Reguladores: a historia da nosa organización é a historia de todas as loitas que no campo galego se levaron adiante nos últimos anos. Dende o seu nacemento, alí onde houbo un problema que afectase aos labregos e ás labregas, alí estivo o Sindicato Labrego Galego”, salienta a Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, e apunta “estes días é posible que os que nunca están cando o sector ten problemas leven adiante grandes campañas de propaganda, e prometan o que nunca fixeron. O aval do Sindicato Labrego Galego son os feitos, que poden comprobarse, e non as promesas, que as leva o vento.”

Ás eleccións do domingo 19 de febreiro concorremos cunha batería de medidas para pór a IXP Vacún de Galicia verdadeiramente ao servizo das persoas produtoras de alimentos:

1. Adecuar a mesa de prezos da IXP aos nosos custos de produción

2. Impulsar dentro da propia IXP, na Consellería e Ministerio que se faga cumprir a Lei da Cadea Alimentaria e que se creen os mecanismos públicos necesarios para velar por que nin a un soa granxa de Tenreira Galega Suprema lle merquen os seus becerros por debaixo do seu custo de produción.

3. Diferenciación clara entre Tenreira Galega Suprema e Tenreira Galega Normal, impulsando dentro da IXP un cambio na etiquetaxe que aclare esta información ás persoas consumidoras

4. Impulsar campañas de promoción reais da Tenreira Galega Suprema, poñendo en valor os beneficios desta carne e o importante valor social que as nosas granxas teñen para a sociedade no mantemento do medio rural.

5. Campañas de información ás persoas consumidoras nas propia áreas comerciais explicando os distintos modos de produción da carne que pode mercar.

6. Evitar o fraude aumentando os controis da propia IXP.

7. Velar polo correcto funcionamento da IXP e garantir en todo caso que o funcionamento da mesma non é contrario aos intereses da produción tradicional.

8. Impulsar campañas de compra pública de carne de Tenreira Galega Suprema.

9. Achegar as tomas de decisión e a propia IXP ao conxunto de persoas produtoras, fomentando o diálogo e a interlocución entre as persoas labregas e a IXP.

10. Fomentar accións formativas que permitan coñecer ás gandeiras como funciona a propia IXP.

Os Consellos Reguladores son entidades creadas para asegurar a orixe e/ou o cumprimento dun determinado regulamento de produción de alimentos, polo que na súa composición é esencial a presencia de representantes que teñan como guía fundamental a defensa do punto de vista das labregas e dos labregos, “o domingo 19 é mais importante que nunca que a voz da xente agricultora e gandeira se escoite, para desenmascarar os enganos cos que a Administración está a privilexiar o nocivo modelo agroindustrial de produción de alimentos á costa de destruír a produción tradicional, o noso medio rural tal e como o coñecemos, e para que a sociedade nos apoie”, subliña a Secretaria Xeral do SLG Isabel Vilalba.