A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. VI Foro Labrego de Agroecoloxía: Coidando o común para soster a Vida

VI Foro Labrego de Agroecoloxía: Coidando o común para soster a Vida

14 de Decembro do 2022

FLA22

Ao encontro asistirán produtores/as de ecolóxico de toda Galiza, este sábado 17 de decembro na Casa Común de Rarís (Teo). Os comúns como elemento clave para reconfigurar a nosa relación coa terra e o territorio, e avanzar na Soberanía Alimentar

O vindeiro sábado 17 de decembro o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) levará adiante a sexta edición do Foro Labrego de Agroecoloxía, que este ano terá lugar baixo a consigna “Coidando o común para soster a Vida”, na Casa Común de Rarís en Teo (A Coruña), de 11 a 20h.

Neste espazo de encontro, no que participarán labregas/os e persoas activas no ámbito da agroecoloxía en proxectos ao longo de todo o país, reflexionaremos sobre o papel que os comúns tiveron na economía e cultura labregas, entendidos estes non só como os bens comúns, senón tamén como os traballos comúns e distintas expresións comunitarias propias da nosa cultura.

Ao tempo que documentaremos as súas funcións e significados en épocas precedentes, no VI Foro Labrego de Agroeocoloxía afondaremos na súa situación actual e no papel que poden ter no futuro para avanzar cara unha transición agroecolóxica, por exemplo dinamizando unha certa recampesinización, e contribuíndo a fixar poboación e repoboar territorios. Analizaremos tamén como poden as administracións protexer e promover os comúns en lugar de privatizar, ou crear algún tipo de fórmula mixta entre o comunal e o público.

Os comúns son un legado material e cultural do que aprender. Non só deben ser protexidos, senón ampliados até facer deles unha peza relevante tanto para a construción de soberanía alimentar como para reconfigurar a nosa relación coa terra e o territorio, con como habitamos, producimos e consumimos.

Partindo destas premisas, iniciaremos este VI Foro Labrego de Agroecoloxía debullando a importancia dos bens comúns na Galiza. Contaremos co labrego Xosé María García Vilaverde, o historiador Antom Santos Peres e a investigadora especializada en Comunidades de Montes Veciñais en Man Común Lara Barros.

Afondando na perspectiva histórica, contexualizaremos os significados dos espazos comúns no pasado, no presente e no futuro. A labrega Elia Rodríguez Álvarez situará a importancia dos mesmos na cultura labrega e Belén Fervenza Couñago, da Rede Galega de Sementes, explicará a consideración das mesmas como ben común a través da soberanía alimentaria. Os investigadores David Soto Fernández e David Fontán Bestilleiro, do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, presentarán a ponencia “Ollar o pasado para proxectar o noso futuro común”; e Óscar Penín Romero, do Proxecto Aldearte, “Gozando en común do común”.

Logo dun xantar composto por petiscos agroecolóxicos, a sesión de tarde iniciará ca conversa ecofeminista “Entre a economía feminista e a economía dos comúns”, na que participarán a gandeira e Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba; a labrega e responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro e a directora da Cátedra de Agroecoloxía e Sistemas Alimentarios da Universidade de Vic, Marta Rivera Ferre.

O bloque final de intervencións, que dará comezo arredor das 18h., centrarase nas estratexias que permiten a volta ao común. Nuria Alonso Leal, da Fundación Entretantos, abordará o papel das institucións públicas; Raquel Fernández Rodríguez, de Amigas da Terra Galiza, centrarase na cuestión da enerxía. A veterinaria do concello de Brión, Pilar García, e o concelleiro de Desenvolvemento Local de San Sadurniño, Manuel Varela, explicarán a proposta dos obradoiros compartidos de produción agroalimentaria, reivindicados como espazos colectivos para o ben común.

Para asistir ao IV Foro Labrego de Agroecoloxía será preciso inscribirse no seguinte enlace : https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSc6IWBKgHwsfZwJh7g_YWpHD4ZHsNv9E1ZIfN5KRCFruKpdXg/viewform