A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Alerta polo acaparamento de viñedos de DO´s e IXP´s por grandes empresas de fóra da Galiza

Alerta polo acaparamento de viñedos de DO´s e IXP´s por grandes empresas de fóra da Galiza

11 de Agosto do 2022

congresovinho110822

O Sindicato Labrego celebrou hoxe o Congreso do Sector do Viño en Ribadavia, onde se deron cita produtoras/es de toda Galiza. A moda do enoturismo e a conivencia da Xunta cos intereses de grandes empresas do sector encareceu o prezo das terras

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebrou hoxe o Congreso do Viño en Ribadavia, un territorio históricamente vinculado á viticultura, onde a principios do século XX chegaron a adicarse a esta actividade produtiva arredor de 30.000 familias. O encontro contou ca participación da Secretaria Xeral do SLG-CCLL, a gandeira luguesa Isabel Vilalba Seivane.

Aproximadamente 10.000 hectáreas do noso territorio están adicadas á produción de viño, colleitando arredor de 73,5 millóns de kg de uva. Na actualidade están rexistradas unhas 450 adegas e case 12.400 persoas son viticultoras e colleiteiras no noso país, achegando un valor económico superior a los 230 millóns de euros anuais. Sen embargo, a Xunta de Galicia está a promocionar o acaparamento de terras e viñedos por parte de grandes adegas, maiormente capitais de fóra da Galiza, abocándonos a modelos intensivos moito máis contaminantes, que poñen en claro risco o acceso á auga.

A primeira parte do Congreso centrouse na exposición e análise da situación nas distintas Denominacións de Orixe (D.O.) e Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP´s) galegas. Malia presentar diferencias na situación do sector produtor nas distinas DO´s e IXP´s, aliás das dificultades nalgunhas DO´s para acadar prezos que cubran custos de produción e remuneren o traballo, o panorama global das dinámicas de produción de uva no noso país presenta como elemento común o abandono vinculado ao envellecemeto da man de obra e as dificultades para acceder á terra, tanto para a vide como para as infraestructuras precisas para a súa transformación.

O turismo rural e o enoturismo, ou o fomento por parte a Xunta de Galicia da conversión de terras agrícola en forestais, son algunhas das principais trabas que traen aparellados unha suba nos prezos das terras, inasumíbeis en moitas ocasións pola poboación da contorna, polo que o territorio está a ser mercado por capitais de fóra do noso país, ou ben por grandes estructuras empresariais de orixe galego que desprazan ás pequenas e medianas produtoras.

A especulación nas terras adicadas á produción do viño está a provocar que as produtoras e produtores galegos non podan adquirir as terras que se ubican na súa contorna, polo que importantes partes do nosos territorio están a ser acaparados por intereses foráneos. Este é o caso do grupo español Vega Sicilia, que adquiriu 24 hectáreas no Condado de Tea -na parte alta do río Miño, no Salnés, na contorna de Sanxenxo, Cambados e O Grove- e en Crecente, onde se situará a súa adega. Segundo datos da propia Vega Sicilia, están a pagar a 200.000€ a hectárea con viñedo nas Rías Baixas, fronte aos 70.000€/ha. de Ribera del Duero ou os 90.000€/ha. de La Rioja.

Tamén o propietario dunha das principais cadeas hoteleiras de Canarias, Lorenzo López, adquiriu recentemente arredor de 400 hectáreas de viñedo en distintas parroquias amparadas pola denominación de orixe Ribeira Sacra.

Nesta liña, a Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba contextualizou a situación no sector do viño na tendencia xeral ao acaparamento de terras agrícolas fomentado pola Xunta de Galicia nesta última década: “A propia lei de recuperación de terras agrarias do ano 2021, que non nos confunda, non se están referindo a recuperar terras agrícolas, senón que dentro de terras agrarias tamén contemplan a produción forestal. Tamén o borrador do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia ca que o Partido Popular puxo no punto de mira Galiza ao ditaminar que o 60% da nosa terra está disposta para a explotación mineira, ou o claro exemplo da invasión eólica. Tanto o monocultivo do eucalipto, o espolio mineral como a imposición das xigantestas infraestuturas asociadas aos polígonos industriais eólicos impactan directamente contra a nosa capacidade para producir alimentos e no acceso ás fontes de auga para a poboación. Precisamos defender a terra agrícola, e que aí quen se poda instalar sexan as veciñas e veciños, e non grandes empresas ou capitais foráneos que non viven onde producen, que non teñen preocupación algunha polo coidado e calidade de vida dos territorios onde instalan os seus negocios.