A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG pide que a CMR esclareza os prazos das axudas do sector vacún de carne

O SLG pide que a CMR esclareza os prazos das axudas do sector vacún de carne

26 de Xullo do 2022

Imaxe do DOG 220722

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) pedimos que o Conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, dea a cara ante o sector. Demandamos que se corrixa na propia orde publicada o pasado venres 22 de xullo no DOG os prazos para achegar documentación e, en todo caso, que os 10 días comecen a contar dende a publicación do listado

O pasado venres 22 de xullo, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución para a concesión directa das axudas excepcionais para o sector de carne e outros sectores que aprobara o Ministerio de Agricultura hai un mes. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) demandamos que con carácter inmediato a Xunta de Galicia cumpra as promesas que Feijoo na súa despedida e o propio Conselleiro de Medio Rural fixeron ao sector prometendo un complemento autonómico a este plan do Ministerio de axudas para facer fronte a subida dos custos de produción.

No seu momento Feijoo anunciou publicamente un complemento de varios millóns de euros ao plan estatal que se estaba a preparar dende o Ministerio para facer fronte os custes de produción, complemento do que aínda non se sabe nada. Así mesmo, dende o SLG recordamos que a diferencia da axuda para o sector do leite, esta axuda para o sector da carne, a pesares de ser dotada con medios económicos do Ministerio de Agricultura a tramitación e resolución, é competencia das distintas CC.AA, e isto prodúcese coa clara intención por parte do Ministerio, de que as axudas foran complementadas con fondos propios das Comunidades Autónomas.

Por último, dende o SLG pedimos que o Conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, dea a cara ante o sector e explique se dotarán estes medios económicos ou as palabras de Feijoo hai 4 meses eran simple fume e promesas de novo, unha vez máis, incumpridas cara a un sector agonizante.

Dende o SLG demandamos que se corrixa na propia orde publicada o pasado venres 22 os prazos para achegar documentación, en caso de ser necesario. A orde recolle que en caso de non ter presentado a declaración responsábel no prazo aberto polo Ministerio de Agricultura, que abre un novo prazo de 10 hábiles a contar dende o día da publicación -venres 22 de xullo-, mais por outra banda, a propia orde recolle a lista de granxas beneficiarias poden publicala até o venres 29 de xullo.

Para o Sindicato Labrego Galego, esta é unha mostra máis da forma de traballar errática e sempre improvisando que dende fai moito tempo ten a Consellería de Medio Rural cara ás granxas. O feito de que non fora quen de publicar o listado en tempo e forma coa mesma orde provoca unha situación de discriminación e desamparado cara ás granxas galegas, por iso pedimos a CMR que enmende o seu erro e, en todo caso, que os 10 días comecen a contar dende a publicación do listado.