A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. 25 Xullo, Día da Patria Galega: Soberanía para facer fronte á violencia do capitalismo neoliberal

25 Xullo, Día da Patria Galega: Soberanía para facer fronte á violencia do capitalismo neoliberal

25 de Xullo do 2022

limia

O Sindicato Labrego Galego participará nas mobilizacións convocadas en Santiago de Compostela hoxe, 25 de xullo. Só a soberanía dos pobos pode situar a Vida no centro. Por unha Administración pública ao servizo da cidadanía e non do capital.

Un ano máis o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) mobilizarase canda milleiros de galegas e galegos este 25 de xullo en Santiago de Compostela con motivo do Día da Patria.

O avance do capitalismo neoliberal evidencia día a día a urxencia de protexer, e recuperar, unha soberanía que está no punto de mira das élites económicas a nivel mundial: a soberanía dos pobos. A alarmante connivencia das administracións públicas co modelo de desenvolvemento capitalista está a impactar directamente sobre a vida das persoas e do planeta no seu conxunto. Na Galiza, o aliñamento da Consellaría do Medio Rural co lobbie agroindustrial e as portas xiratorias entre a Consellaría de Medio Ambiente e as corporacións explotadoras de enerxía eólica son exemplos manifestos. Tamén a eliminación do dereito á participación pública fronte a proxectos de negocio lesivos para o medioambiente, como vén de facer o Goberno de España a través dos RDL 6/2022 e 11/2022.

Chegamos ao Día da Patria Galega cas produtoras e produtores de alimentos do noso país loitando cada día contra un intencionado abandono da Administración que procura deixar o campo deserto para o avance da agroindustria. As labregas e labregos vimos décadas alertando dos riscos de depender de insumos e alimentos producidos a milleiros de kilómetros, e demandando medidas que nos permitan acadar algo tan básico para a dignidade humana como é o dereito á nosa soberanía alimentaria, o dereito a liberármonos da intolerábel mercantilización dos bens necesarios para sobrevivir.

Chegamos ao Día da Patria Galega cun país no que os servizos de extinción de incendios son planificados en función dos intereses económicos de fondos de inversión estranxeiros. Cun país no que a poboación ten que defender as súas vivendas e as súas terras da expropiación forzosa ca que a Xunta de Galicia quere participar no negocio do oligopolio enerxético internacional. Cun país, Galiza, que é obxecto do acaparamento de aldeas e espolio da natureza por capital foráneo.

Para pór fin ao ataque directo contra os nosos alimentos, a nosa auga, os nosos montes, a nosa cultura, a nosa lingua... Precisamos imprescindíbelmente dun goberno galego que realmente asuma o deber de defender os dereitos da cidadanía, a soberanía dos pobos. Precisamos a nosa soberanía para situar os dereitos da Vida por riba dos intereses do capital.

Chegamos ao Día da Patria Galega cun pobo, Nós, que estamos en pé de loita para defender o futuro da nosa terra.