A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Case medio milleiro de colectivos solicitan formalmente unha moratoria eólica nas Reservas da Biosfera

Case medio milleiro de colectivos solicitan formalmente unha moratoria eólica nas Reservas da Biosfera

8 de Xullo do 2022

AlienteLOGO

Campaña estatal da Alianza Enerxía e Territorio dirixida ao MITECO con destacada participación dos colectivos galegos. Máis da metade dos parques industriais en RB están na Galiza (1.212 eólicos). Están tramitándose 608 aeroxeradores máis

A Alianza Enerxía e Territorio (ALIENTE) plataforma a nivel estatal da que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) forma parte, vén de rexistrar oficialmente unha carta carta dirixida ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) solicitando unha moratoria científica para todas as Reservas da Biosfera do Estado español.

A campaña de adhesións a esta solicitude, desenvolvida ao longo destes últimos meses, acadou máis de 440 apoios en 35 Reservas da Biosfera estatais, incluídas todas as galegas. Xestores de Reservas da Biosfera, concellos, colectivos cidadáns, proxectos produtivos, organizacións agrarias, ecoloxistas e outros movementos asociativos de todo o Estado urxen ao MITECO a decretar unha moratoria que protexa as Reservas da Biosfera.

A presión que a poboación galega está a sufrir por parte do monopolio industrial eólico acadou un grado de violencia estutural absolutamente inasumible: Dos 2.227 aeroxeradores instalados en Reservas da Biosfera no Estado, 1.212 están na Galiza. Dos 1.236 macroeólicos en tramitación, máis da metade, 608, tamén están proxectados na Galiza. Dito doutro xeito, das novas 3.708,12has. que se están a acaparar para uso e abuso da mafia eólica, 1376,72has. están na nosa terra.

Por se fora pouco, escudándose no conflito bélico na Ucraína, o Goberno de España incluíu no RDL 6/2022 a simplificación extrema das avaliacións de impacto ambiental, procurando eliminar a posibilidade de que a cidadanía presente alegacións a estes ataques contra o territorio, até o dagora o único xeito de defendérmonos da invasión eólica. Este despropósito vai ser inda máis grave co RDL11/2022, que de ser convalidado implicará facer valer a zonificación ambiental sen estudo de impacto ambiental estratéxico ningún, incluído como unha simple recomendación no plan 2021-2026 da Rede Eléctrica Española, pretendendo a golpe de decretazo convertilo en Lei sen estudos ambientais serios e transparentes.

Na Galiza producimos moita máis enerxía da que precisamos consumir. Mentras tanto, áreas de hiperconsumo, como a comunidade de Madrid, non permiten a instalación de aeroxeradores. A enerxía trasládase dende Galiza, perdéndose unha importante parte da mesma polo camiño, evidenciando inda máis o absurdo deste modelo de colonización enerxética. A nosa terra é o que se coñece como “área de sacrificio”. A destrucción do territorio, recursos naturais, contaminación de augas, perda de terras agrarias e expulsión da veciñanza ten como único obxectivo o enriquecemento superlativo do monopolio enerxético.

En plena crise ecolóxica, a destrución institucional planificada das áreas consideradas de especial protección, como é o caso das Reservas da Biosfera, é unha aberración insultante. Precisamos protexer estes territorios, e mesmo extender esta protección a máis áreas, para facer fronte ao quecemento global provocado polo consumo exacervado de recursos que se levou por diante o modelo de desenvolvemento capitalista.

Se os partidos políticos estiveran ao servizo dos dereitos e necesidades das poboacións, nunca sería preciso solicitar a protección dunhas áreas xa catalogadas como reservas da natureza. Pero tanto o Goberno estatal cos RDL6/2022 e RDL11/2022, como a Xunta de Galicia cas Leis de Depredación (2017 e 2021) confirman o servilismo dos grandes partidos ao monopolio enerxético, tradicional nicho económico laboral para altos cargos de ámbalas dúas formacións, como o caso da exconselleira de Medio Ambiente da Xunta, Beatriz Mato, que cambiou o seu cargo oficial por outro ao máis alto nivel na empresa Greenalia, unha das que máis proxectos ten en tramitación na Galiza.

 

Estudo da UNESCO

 

Na carta remitida ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico os colectivos asinantes recalcan que está en marcha o “Estudo sobre a viabilidade das instalacións eólicas, fotovoltaicas e termosolares, incluída a repotenciación, e infraestructuras asociadas en territorios declarados Reservas de la Biosfera en España”, encargado polo Comité Español do Programa MaB da UNESCO, que forma parte do soporte que dá o Organismo autónomo de Parques Nacionales (OAPN) dependente do propio MITECO.

É absolutamente incongruente e moi preocupante que o Ministerio estea a avanzar na tramitación de máis polígonos industriais eólicos nestes territorios protexidos sen agardar polo resultado desta investigación.