A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Migrantes atacados polos gobernos nas fronteiras: racismo institucional ao servizo do capitalismo neoliberal

Migrantes atacados polos gobernos nas fronteiras: racismo institucional ao servizo do capitalismo neoliberal

27 de Xuño do 2022

Melilla240622

Demandamos asistencia legal e sanitaria de calidade para as persoas sobrevivintes da brutalidade policial en Melilla. Esiximos ao Goberno español acelerar a identificación das víctimas, garantía de repatriación e reparación ás familias.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) quere amosar o seu total apoio ás familias das persoas asasinadas e ás persoas migrantes víctimas da brutalidade policial coordinada polos gobernos español e marroquí na fronteira de Melilla o pasado 24 de xuño. Esiximos responsabilidades aos reinos de España e Marrocos pola brutalidade desta carnicería policial con ducias de asasinatos e centos de feridos. Apelamos ao Goberno español a actuar de xeito inmediato para garantir a asistencia sanitaria e legal das víctimas que sobreviviron a esta operación de bloqueo despregada polas forzas armadas de España e Marrocos.

Demandamos que se apliquen de xeito escrupuloso tódolos tratados de dereitos humanos, a tódalas migracións, e igual trato a tódolos seres humanos independentemente da cor da súa pel ou país de procedencia. Neste senso, urxe a aprobación dunha nova Lei de Estranxeiría que garanta o absoluto respecto aos dereitos humanos e migratorios.

Esiximos asemade que se aclaren as denuncias feitas públicas por parte de varias organizacións da sociedade civil en relación á presión exercida contra os campamentos de persoas migrantes nas semanas previas ao pasado venres. Ditas coaccións poderían ter procurado desesperar inda máis a estas persoas para provocar con urxencia unha entrada en terriotorio europeo. Cabe a posibilidade de que esta reacción fora prevista polos Gobernos español e marroquí, preparando a tal efecto unha intervención violenta que permitira afondar no discurso racista fronte á poboación europea, ao tempo que proporcionaba imaxes disuatorias para a poboación africana.

O racismo institucional esgrimido con orgullo polo presidente Pedro Sánchez ao valorar de xeito positivo a violencia directa infrinxida contra a poboación africana é se cabe inda máis repugnante cando vimos de comprobar nestes últimos meses, a raíz da xestión de refuxiadas ucranianas, a fluidez ca que poden ser acollidas as persoas que precisan entrar na UE.

Milleiros de persoas levan décadas fuxindo das guerras e insostíbeis conflictos presentes nos seus territorios. Canda esta violencia, as políticas de espolio colonial que desangran o continente africano son tamén a principal causa da fame enquistada que estrangula boa parte dos seus países. O acaparamento de terras agrarias por parte de grandes transnacionais, así como as sequías vinculadas ao quecemento global provocado polo despilfarro de recursos naturais dos países enriquecidos, son algunhas das principais causas que obrigan a estas persoas a migrar.

Ningún cargo público cómprice da violencia organizada contra persoas inocentes debería poder permitirse seguir cobrando un salario pagado cos nosos impostos. A barbarie pactada entre os gobernos español e marroquí contra a poboación migrante africana -á que lle podemos tamén engadir o abandono do pobo saharaui-, non só mostra que tipo de alianza voltaron reactivar ámbolos dous países, senón que evidencia unha vez máis a estratexia de muros da violencia -Marrocos, Turquía...- da que os gobernos criminais e asasinos da Unión Europea fan uso para continuar perpetuando as desigualdades económicas que permiten ás minoritarias élites político-económicas globais seguir mantendo os seus privilexios á costa das vidas do resto da humanidade e do propio planeta.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas apoiaremos tódalas iniciativas e mobilizacións, tanto das organizacións que están sobre o terreo como as convocadas na Galiza, para esixir responsabilidades, reparación dos danos e medidas políticas reais para que unha aberrante masacre coma esta non se volte a producir.