A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Un grupo de traballo internacional convocado polo SLG analizará os abusos da agroindustria no medio rural

Un grupo de traballo internacional convocado polo SLG analizará os abusos da agroindustria no medio rural

17 de Xuño do 2022

agroecololoxiaoubarbarie

Compostela acollerá ao Grupo de Traballo de Migración e Traballo Rural da Coordenadora Europea Vía Campesina. Agroecoloxía ou barbarie. Como nos maltrata a agroindustria”, xornada aberta, mércores 22 no Centro de Interpretación (Belvís).


O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) acollerá dende o vindeiro martes 21 de xuño unha delegación internacional da Coordenadora Europea (CEVC) do movemento labrego mundial La Vía Campesina , da que o SLG-CCLL forma parte.

Integrada por representantes do Grupo de Traballo de Migración e Traballo Rural da CEVC, así como de organizacións a nivel estatal, esta delegación de máis de 20 persoas participará na xornada aberta ao público “Agroecoloxía ou barbarie. Como nos maltrata a agroindustria”, que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro mércores 22 de xuño, de 10.20h. a 17.30h., no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns (Belvís).

O martes 21 de xuño, ás 11.30h., realizarase unha rolda de prensa no local do SLG en Santiago de Compostela (R/Ofelia Nieto, 13-23) para dar debullar a programación da xornada.

Este encontro aberto, canda as xuntanzas e distintos espazos de traballo que partillarán as distintas organización acollidas polo SLG-CCL, terá como obxectivo analizar o modelo agroindustrial dende a perspectiva da produción labrega, dos dereitos laborais, dos dereitos das mulleres, do medioambiente e da Soberanía Alimentaria dos pobos, recollendo insumos para elaborar colectivamente unha estratexia común de loita contra a Agroindustria, así como de defensa do modelo de produción labrego e agroecolóxico.

Dende o mes de xullo do ano pasado dende o Sindicato Labrego Galego iniciamos unha campaña de visibilización e denuncia das prácticas abusivas que a agroindustria de froitos vermellos, e nomeadamente a empresa andaluza de proxección internacional Surexport, está trasladando á Galiza. No marco da mesma realizouse unha concentración nas instalacións de Surexport na Terra Chá (Lugo) e unha acción de visibilización nas superficies comerciais.

Máis recentemente, no mes de abril do presenta ano, representantes do Sindicato Labrego Galego participaron nunha delegación internacional de La Vía Campesina (LVC) que se desprazou a Huelva (Andalucía) e Odemira (Alentejo-Portugal) para coñecer sobre o terreo as condicións das persoas traballadoras, na súa maioría inmigrantes, da produción de amorodo e outros froitos vermellos nesas rexións.