A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A agroindustria de froitos vermellos: Máis Escravitude, Menos Dereitos

A agroindustria de froitos vermellos: Máis Escravitude, Menos Dereitos

17 de Abril do 2022

Surexport Huelva

O Sindicato Labrego Galego participou nunha delegación internacional de La Vía Campesina (LVC) que se desprazou durante a primeira semana de abril a Huelva (Andalucía) e Odemira (Alentejo-Portugal) para coñecer, sobre o terreo, as condicións das persoas traballadoras, na súa maioría inmigrantes, da produción de amorodo e outros froitos vermellos nesas rexións. 

En Huelva o encontro foi acollido polo Sindicato de Obreiros do Campo SOC- SAT de Andalucía.
Realizáronse visitas a distintos tallos de traballo, empresas e asentamentos nas comarcas do Condado e Almonte (Huelva), onde se participou nun acto da Unión Local do sindicato, na zona de fresas de Paus, Moguer e Lucena, e ao leste na de Lepe e Cartaya. Mantivéronse tamén reunións con organizacións sociais, como WWF, Ecoloxistas en Acción, Sindicato Unitario, Huelva Acolle e a Mar de Onuba, así como co Delegado Territorial de Emprego, o Delegado Territorial de Agricultura e a alcaldesa de Almonte. 
En Portugal a delegación foi recibida pola Confederación Nacional de Agricultura ( CNA) e o Sindicato de Trabajadores SINTAB. Visitáronse leiras de oliveirais tradicionais e explotacións ultraintensivas que están a ocupar cada vez máis superficie de terreo na rexión. Na zona de Odemira visitáronse empresas 
agroindustriais de froitos vermellos e realizáronse reunións con traballadoras e traballadores migrantes nos seus aloxamentos e en lugares públicos. Tamén se mantiveron reunións co Vicepresidente da Cámara Municipal de Serpa e a súa Xefa de Gabinete e co representante da Asociación Solidariedade Imigrante (SOLIM). 
Ademais dos sindicatos mencionados (SOC- SAT, CNA e SITAB) participaron no encontro representantes de Land Workers Alliance (LWA) de Reino Unido, Uniterre de Suíza, a Federación Nacional do Sector Agricola (FNSA) de Marrocos, a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) do Estado español e nós, o Sindicato Labrego Galego- Comisións Labregas (SLG- CCLL), da Galiza. 
Dende o Eixo de Presión Comercial do Grupo de Traballo e Migración e Traballo Rural de ECVC, que busca dar visibilidade aos danos sociais, laborais, de xénero e ambientais da agroindustria, informando e concienciando ás consumidoras e aos consumidores, podéndose comprobar a repetición do mesmo modelo de explotación laboral que busca reducir custos salariais e gastos sociais, en base á vulnerabilidade extrema de persoas traballadoras, a través de contratacións en orixe, presenza de ETTs e intermediarios mafiosos, coptación institucional, discriminacións legais de estranxeiría, segregación de vivenda e control empresarial permanente, entre outros elementos. 
Na Coordenadora Europea da Vía Campesina, así como dende o Sindicato Labrego Galego, faremos un chamamento a organizacións sociais, ecoloxistas, feministas, sindicatos obreiros, etc., para informar e facer partícipes da magnitude que ten a agroindustria, así como dos riscos futuros que se poden ocasionar se deixamos que esta avance nos territorios. Consideramos, polo tanto, a agroindustria como un problema global que a sociedade en xeral, e todas as organizacións sociais en particular, debemos de tomar moi en serio. Se cadra estamos ante un dos graves problemas e loitas que imos vivir, xa que estamos falando do dereito a unha alimentación sa, local e culturalmente adecuada, como a loita polo noso territorio e porque todas as persoas que habitamos o medio rural teñamos un modo de vida digno e non precario. O único que trae a agroindustria é fame e miseria.
Dende a Coordenadora Europea da Vía Campesina e dende o Sindicato Labrego Galego, consideramos que o único camiño é a Agroecoloxía, que coida do territorio, que é feminista, que alimenta verdadeiramente á cidadanía... Porque queremos Máis Labregas e Mellores Alimentos e debemos loitar pola Soberanía Alimentaria. Dende o SLG e dende a nosa Terra queremos berrar ben alto e ben forte: 

SUREXPORT FÓRA DA GALIZA!