A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Campaña cidadá de alegacións á Folla de Ruta para a Xestión de Materias Primas aberta polo Ministerio

Campaña cidadá de alegacións á Folla de Ruta para a Xestión de Materias Primas aberta polo Ministerio

11 de Abril do 2022

Leito fluvial contaminado pola actividade mineira irresponsable no municipio de Touro (A Coruña)

Animamos á participación nesta campaña para visibilizar a oposición social ao extrativismo salvaxe no noso medio rural. Petón do Lobo fornece modelos online para alegar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO)

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) anima a participar na campaña lanzada pola Asociación Petón do Lobo para dinamizar a participación cidadá na Folla do roteiro para a xestión «sostible» das materias primas minerais aberta polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).

Esta iniciativa do Ministerio, lonxe de significar un avance na protección medioambiental e das persoas que habitan as áreas rurais, considera a extracción mineira unha “oportunidade”, premisa gravemente preocupante que supedita o texto aprobado ao servizo dunha maior intensificación da destrucción de recursos naturais e espolio de minerais nestas zonas. Á vista destes plantexamenos, semella que o único “reto demográfico” que ten que afrontar este Ministerio é conseguir expulsar á pouca poboación que inda vive no rural.

A través das alegacións fornecidas pola Asociación Petón do Lobo poderemos enfatizar as consecuencias para a saúde que ten a presenza de metais pesados da drenaxe aceda de mina, a contaminación de augas, así como o desastre paisaxístico que supón a minería contaminante ao descuberto, declarando que non queremos que se impulse nin se consoliden máis iniciativas mineiras contaminantes na Galiza.

Tendo en conta a DIRECTIVA 2014/52/UE DO PARLAMENTO EUROPEO E DO CONSELLO do 16 de abril de 2014 pola que se modifica a Directiva 2011/92/UE -relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente no relativo á localización dos proxectos-, a través das emendas achegadas solicitamos que non sexan autorizados proxectos que afecten arecursos hídricos, a humidais como as brañas, chans agrícolas e forestais productivos e/ou sobre áreas nas que precisamente xa se produciu un incumprimento das normas de calidade ambiental establecidas na lexislación da UE e pertinentes para o proxecto, ou nas que se considere que se produciu tal incumprimento, como é o caso do Monte Neme en Carballo, Touro e O Pino, Santa Comba, A Penouta…

De feito, tanto no Monte Neme, en Carballo como en Touro – O Pino, Santa Comba e A Penouta, produciuse un incumprimento reiterado no tempo da Directiva citada, polo que só é admisible a restauración destes espazos e solicitamos a súa declaración como terreos francos e non rexistrables a efectos mineiros. 

A campaña de alegacións chama a atención tamén sobre a propia vulneración de prazos de exposición de iniciativas medioambientais infrinxida por esta iniciativa ministerial, demandando a apertura dun novo periodo de exposición pública da devandita Folla de Roteiro cunha duración de alomenos 30 días, como precisamente esixe a Directiva 2014/52/UE, así como a elaboración dunha avaliación ambiental estratéxica deste Roteiro para a xestión “sostible” das materias primas minerais.

 

 

GALICIA NON É UNHA MINA.

 

NON Á MINERÍA CONTAMINANTE A CEO ABERTO.

 

RESTAURACIÓN DOS ESPAZOS DEGRADADOS XA!