A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Campaña para esixir a convocatoria inmediata do GABINETE DE CRISE da Xunta de Galicia

Campaña para esixir a convocatoria inmediata do GABINETE DE CRISE da Xunta de Galicia

24 de Marzo do 2022

gabinete de crise xa!
Hoxe procedeuse ao rexistro de solicitudes oficiais en Compostela, Ordes, A Estrada, Betanzos, Lugo, Chantada e Xinzo. Activamos en redes sociais a campaña #GabineteDeCriseXA! protagonizada pola afiliación do Sindicato Labrego Galego.

Representantes do Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL) presentaron 7 solicitudes oficiais de convocatoria de Gabinete de Crise dirixidas a Alberto Núñez Feijoo nos rexistros da Xunta de Galicia en Compostela, Ordes, A Estrada, Betanzos, Lugo, Chantada e Xinzo.

Ao longo de todo o día o SLG-CCLL desenvolverá en redes sociais a campaña de visibilización #GabineteDeCriseXA! protagonizada por gandeiras/os e labregas/os do Sindicato.

Como avanzamos a principios desta semana, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas urximos á Xunta de Galicia a convocar un Gabinete de Crise centrado no establecemento de medidas inmediatas que garantan cuestións básicas como a recollida de leite das granxas; a distribución de subministros para o benestar animal; prezos que cubran custos de produción; apoio á produción de cereais, forraxes e outra alimentación animal no noso territorio; funcionamento do Banco de Terras; fortalecemento da comercialización dos produtos labregos e a activación de estratexias de compra pública.

A deixadez de responsabilidades da Administración galega fronte ao diferenciado impacto da folga de transporte na Galiza no tocante á produción de alimentos por parte das granxas e ao abastecemento de alimentos á poboación galega é totalmente intolerábel. Gabinete de Crise Xa!