A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Demandamos paralización inmediata do macroparque Caíño-Brancellao e activación urxente da moratoria eólica

Demandamos paralización inmediata do macroparque Caíño-Brancellao e activación urxente da moratoria eólica

17 de Marzo do 2022

Caíño-Brancellao

Aumenta a oposición aos máis de medio cento de aeroxeradores do Caíño-Brancellao, da multinacional italiana Enel Green Power. Afecta Boimorto, Curtis, Vilasantar, Frades, Mesía, Ordes, Carral, Aranga, Curtis, Oza-Cesuras, Sobrado, Abegondo e Guitiriz.

A veciñanza dos trece concellos afectados polo macro-parque eólico Caíño-Brancellao estase organizando para parar a instalación de 58 aeroxeradores de máis de 200 metros de altura que a multinacional italiana Enel Green Power pretende introducir nos concellos de Boimorto, Curtis, Vilasantar, Frades, Mesía, Ordes, Carral, Aranga, Curtis, Oza-Cesuras, Sobrado, Abegondo e Guitiriz.

Dende o Sindicato Labrego Galego temos claro que a implantación de proxectos coma o Caíño e Brencellao implica deixar de coñecer os nosos concellos como os vimos coñecendo até o dagora. Significa convertilos nun xigantesco polígono industrial, un ataque directo ao benestar das familias afectadas que empeorará inda máis o despoboamento rural.

O SLG, canda outros colectivos e plataformas veciñais de afectadas, estamos a facer  unha campaña de información e alegacións para activar a acción social contra a imposición de parques eólicos. De feito, a principios do ano 2021 xa fixemos varias xuntanzas na contorna afectada agora tamén polo macro-parque Caíño-Brencellao, daquela para informar e recoller alegacións para frear o parque Pena Ombra (Greenalia Wind Power, S.L.U) que afecta os concellos de Curtis, Sobrado dos Monxes e Guitiriz; ao Parque Eólico Alto dos Borrallos (Iberdrola) proxectado sobre Sobrado, Vilasantar, Curtis, Mesía, Oza-Cesuras, Abegondo, Carral e Ordes, así como ao conxunto de parques proxectados nos Montes do Gato, que incluía os de Seselle, Fontella, Feás, Marís, Penas Boas e Gato, que afectan aos concellos de Coirós, Aranga, Oza-Cesuras e Curtis principalmente.

Na liña de conseguir ademais un exercicio de responsabilidade por parte das administracións públicas para impedir a invasión eólica do noso territorio, saudamos que o Concello de Curtis se sume á loita veciñal solicitando a non autorización definitiva do macro-parque Caíño-Brancellao. Sumámonos a esta demanda, e esiximos ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a desestimación inmediata deste proxecto de negocio de Enel Green Power. Lembramos, asemade, que o pasado o dia 13 de xaneiro dirixímonos a todos os concellos da Reservas da Biosfera Galegas, entre eles o de Curtis -incluido na de Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo-, para que apoiaran unha petición de moratoria de aprobación de parques eólicos en zonas de Reserva.

A día de hoxe non nos consta que por parte do Concello de Curtis se teña enviado este apoio, polo que recordámoslle que sería importante que este constase.

Dende a nosa organización levamos meses apoiando á veciñanza dos centos de concellos da Galiza afectados pola vaga de proxectos eólicos, tramitados tanto polo Ministerio de Transición Ecolóxica como pola Conselleria de Industria da Xunta de Galicia, e denunciando a través de todo tipo de accións os negativos impactos destes macroproxectos.

Canda outros colectivos sociais galegos conseguimos que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico realice un informe sobre as incidencias dos parques eólicos nas Reservas da Biosfera en todo o Estado español, así coma un estudo sobre a viabilidade de instalacións eólicas, fotovoltaicas, termo solares -incluído o seu repotenciamento- e infraestruturas asociadas.

Ante o protesta social que se está dando en moitos dos lugares afectados por estos proxectos, tamén o Consello da Cultura Galega publicou en decembro do ano pasado un informe sobre estes impactos. No mesmo incidía na necesidade de revisión do Plan sectorial eólico de Galicia (1997) e o seu sometemento a avaliación ambiental estratéxica, atendendo aos obxectivos sinalados nas Directrices da Paisaxe e á protección dos valores naturais.

O texto tamén subliña que é preciso “un compromiso político coa integración ambiental do desenvolvemento eólico impedindo tácticas como a individualización de parques eólicos contiguos que comparten infraestruturas comúns, evitando analizar os seus efectos acumulativos ao avalialas por separado ou o fraccionamento dos proxectos, que se analizan como elementos illados cando deberían ser un todo único que se examinase de forma conxunta. Esa avaliación, así como as súas propias insuficiencias, provocan un alto potencial de danos ambientais e patrimoniais non diagnosticados que poden ser irreversibles pola ausencia de avaliación dos ecosistemas afectados”.

Os principios de precaución e de non regresión ambiental xustifican xuridicamente a oposición das administracións á desfeita dos parques eólicos nos seus respectivos territorios. Existe un clamor claro por parte da cidadanía para paralizar estes proxectos, dende o SLG esiximos unha vez máis a acción das administracións públicas para activar urxentemente unha moratoria á autorización de parques eólicos.

Animamos á veciñanza e representantes municipais a participar nas charlas informativas convocadas polas plataformas de afectadas hoxe, venres 18, na Cooperativa Coba de Vales (12h.) e no Local Social de Lanzá (21h.).