A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. 8M: Xuntas, fortes, en pé de loita na defensa da Vida

8M: Xuntas, fortes, en pé de loita na defensa da Vida

7 de Marzo do 2022

8M2022

Chamamos á unidade dos feminismos, a pór en valor a nosa diversidade e a refortalecernos loitando nos espazos comúns. Esiximos o fin da normalización do empobrecemento social masivo como resposta política a medida do capitalismo neoliberal

Como cada ano, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas estará presente nas mobilizacións e distintas accións convocadas este martes 8 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller.

Como reivindicamos durante o noso recente décimo Congreso, é urxente unha viraxe radical que sitúe con claridade a vida das persoas e do planeta no centro das políticas socioeconómicas. As organizacións, os movementos sociais, a cidadanía, levamos décadas alertando a través de todo tipo de mobilizacións, estudos, campañas e un longo etcétera, da violencia estructural do capitalismo neoliberal como sistema económico. A xustificación da procura dos máximos beneficios como obxectivo final implícita neste modelo realízase a través da destrucción dos dereitos humanos e sociais, e da Natureza.

É vital protexer a nosa saúde, pero o capitalismo neoliberal dificulta o acceso á atención primaria e ás probas diagnósticas, precariza ao persoal médico, pecha centros médicos públicos e desvía diñeiro público para clínicas privadas.

 É vital garantir o dereito á alimentación, pero o capitalismo neoliberal desordena e dispersa a produción de alimentos ao longo de todo o planeta, e argumenta calquera tipo de suceso de calado internacional para subir o prezo dos alimentos e ameazar con desabastecementos.

 É vital ter servizos públicos, pero o capitalismo neoliberal foinos destruíndo paulatinamente nas zonas rurais, e agora que a poboación se concentra en vilas e cidades, acelera o seu desmantelamento nestas áreas urbanas.

 É vital un planeta san, pero o capitalismo neoliberal crea cada vez máis lugares con aire contaminado, auga non potable e terra morta. 

O capitalismo neoliberal atenta directamente contra a Vida. O el, ou Nós. E nese Nós, cando o capital estrangula a Vida, as mulleres axiña padecemos como afoga. Somos quenes maiormente nos responsabilizamos de todo o que ten que ver cos coidados médicos das persoas achegadas; quenes temos os salarios máis baixos, e as que en maior medida temos xornadas laborais reducidas, ou deixamos de ter traballos remunerados, para poder criar ás nenas e nenos ou atender a quen o precisa; somos inmensa maioría mulleres as que traballamos profesionalmente no eido dos coidados á dependencia; somos nós, as que ao longo de todo o planeta, alimentamos ao mundo pero non temos a propiedade das terras ou non constamos como titulares das explotacións, e habitamos áreas rurais violentadas pola cobiza das depredadoras agroindustrias e industrias enerxéticas.

Ao mesmo tempo, o discurso fascista contra os dereitos das mulleres volta ocupar tribunas políticas, o sesgo machista e patriarcal segue enzoufando a Xustiza e cada ano ducias de asasinos machistas seguen matando mulleres, fillas e fillos no Estado español, milleiros en todo o mundo.

Dende o Sindicato Labrego Galego chamamos á unidade de acción nos feminismos, a pór en valor de novo a fortaleza que nos dá a nosa propia diversidade como característica histórica das nosa estratexia de loita, a facermos fronte como compañeiras, canda a sociedade no seu conxunto, a un sistema que nos ten engaioladas nun escenario de violencia multidimensional que cada vez afasta de máis millóns de persoas o dereito a ter unha vida que mereza a pena ser vivida.