A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Denunciamos á conselleira Vázquez ante a Valedora do Pobo e solicitamos convocatoria urxente do COGAMADS

Denunciamos á conselleira Vázquez ante a Valedora do Pobo e solicitamos convocatoria urxente do COGAMADS

17 de Febreiro do 2022

Fóra eólicos do rural

O Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas dirixiuse no día de hoxe á Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, para formular unha reclamación contra a Presidenta do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel (COGAMADS), a conselleira de medio ambiente Ángeles Vázquez, polas flagrantes irregularidades protagonizadas durante a última sesión do mesmo. Asemade, o vogal do SLG-CCLL no COGAMADS, Diego Sánchez Agra, solicituou tamén hoxe formalmente unha nova xuntanza do Consello Galego de Medio Ambiente, a fin de subsanar as lamentábeis deficiencias que se puxeron de manifesto durante a última sesión.

O bloqueo da votación dunha moratoria eólica por parte da conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez na súa calidade de presidenta do COGAMADS o pasado 27 de xaneiro, constitúe un claro exemplo da deleznable estratexia de obstaculización da participación cidadá que está a esgrimir o Partido Popular instrumentalizando a Xunta de Galicia. Sen ningún tipo de complexo, Vázquez chegou mesmo a afirmar publicamente que no COGAMADS non teñen lugar votacións, mentindo e ocultando de xeito premeditado que o Consello ten como función específica precisamente aprobar por maioría propostas sobre cuestións de sustentabilidade realizadas a iniciativa de membros do mesmo, o cal obviamente require de votación previa. Tanto é así, que o Artigo 25 do regulamento do COGAMADS está adicado a Votacións e adopción de acordos” e o 26 a “Votos particulares”, como perfectamente sabe a conselleira Ángeles Vázquez.

 É máis, o regulamento sinala específicamente tamén que os membros do Consello teñen dereito a “presentar mocións e suxestións para a adopción de acordos polo Pleno ou para o seu estudio nas Comisións de Traballo” e “participar con voz e con voto nas sesións do Pleno e das Comisións de Traballo de que formen parte”, dado que o COGAMADS ten a responsabilidade de “canalizar demandas e propostas relativas a sustentabilidade, procedentes de asociacións e institucións no ámbito da comunidade autónoma con representación no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible”, servindo de canle de participación e diálogo permanente entre os interlocutores sociais no debate dos asuntos sobre sustentabilidade” e, de xeito particular, “coordenando os intereses públicos e privados en materia de desenvolvemento sustentable”.

Tódalas solicitudes realizadas polo vogal do SLG na última sesión do Consello -e que a Conselleira negouse a abordar- encádranse nestes obxectivos: coñecer se a Consellaría fixo algún informe desfavorable por fraccionamento de parques eólicos; concretar até que punto se está a producir a externalización das avaliacións de impacto condenadas polos tribunais; a posición da Consellaría ao respecto da sentenza do TSXG que declara ilegal a redución de prazos de exposición de proxectos; se a Consellaría está a facer algún tipo de seguemento dos impactos medioambientais dos parques eólicos xa instalados -nomeadamente mortandande de aves- , e de que xeito vai encadrar a Consellaría de Medioambiente un plan sectorial depredador, como é o obsoleto Plan Sectorial Eólico, na Estratexia Verde de Galicia.

Nesta mesma liña, realizouse unha solicitude de pronunciamento do Consello en forma de Acordo sobre (1) a necesidade de paralización dos informes e concesións de parques eólicos mentres non se revise o Plan sectorial eólico de Galicia e se someta a avaliación estratéxica, establecendo criterios de avaliación que eviten o fraccionamento dos proxectos e, por tanto, a emisión de informes parciais sobre os seus impactos; (2) promover un cambio na lexislación para que protexa mellor á cidadanía, o medio ambiente e o patrimonio, facendo mención explicita á necesidade de derogar as leis 5/2017 e 9/2021, polo que afectan á protección do territorio e os valores medioambientais e (3) a elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego. A votación destes requerimentos foi bloqueada pola conselleira de medioambiente abandonando abruptamente a xuntanza, sen nin sequera abordar os restantes puntos da orde do día.

Dende o Sindicato Labrego Galego lembramos á Conselleira de Medioambiente, e á Xunta de Galicia, que o COGAMADS foi creado co obxectivo específico de “darlle cumprimento ao principio de participación pública, establecendo unha vía de cooperación dos estamentos interesados da sociedade galega”. Asemade, múltiples normativas, incluída a Directiva Europea 2001/42/CE de avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio, salientan específicamente “a necesidade de participación pública para consensuar coa sociedade civil os plans e programas de actuacións das administracións públicas”.

A garantía, protección e respecto da participación pública da cidadanía é a verdadeira pedra angular da democracia. Porén, administracións como a Xunta de Galicia do Partido Popular, lonxe de respectalos, degradan os órganos creados para este obxectivo, limitando na práctica as súas competencias, buscando restrinxir o dereito a participación pública a unha mera exposición de argumentos -como no presente caso do COGAMADS-, ao tempo que elabora corpus lexislativo ao servizo de intereses privados empresariais -tales como a Lei de Fomento de Implantacion de Iniciativas Empresariais (2017) e a Lei de Simplificación Administrativa (2021)-.

Este modus operandi, así como os alarmantes precedentes de casos de “portas xiratorias” de altos cargos públicos que son premiados cos seus correspondentes altos postos directivos en empresas adicadas ao espolio enerxético do noso territorio -como é o caso da ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato co seu paso directo do Goberno galego a Greenalia-, esixen dunha vixilancia e alerta cidadá constante, que dende o Sindicato Labrego Galego e outras organizacións sociais estamos levando adiante, e así seguiremos.