A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Partillando saberes labregos nas X Xornadas de Granxas Abertas na Comarca da Ulloa

Partillando saberes labregos nas X Xornadas de Granxas Abertas na Comarca da Ulloa

25 de Xaneiro do 2022

cernada

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) desenvolveu a décima edición das Xornadas de Granxas Abertas, desta volta na comarca da Ulloa.

Con este modelo formativo, dende o SLG apelamos a unha máxima compartida tamén polo movemento labrego internacional La Vía Campesina -do que facemos parte dende a súa constitución non ano 1993- , apostando polo intercambio directo de coñecementos entre as labregas e labregos. Partillar xeitos labregos de facer é coidar e preservar a nosa sabiduría nunha cuestión tan esencial e imprescindible para a existencia do ser humano e do planeta como é a produción de alimentos saudábeis, que fortalezan a nosa saúde e sexan obtidos con procedementos que respectan e coidan da nosa terra.

A xornada de hoxe deu inicio ás 11 da mañá no concello de Guntín, onde a gandeira Gemma San Pedro partillou as súas experiencias na cría de cabras de raza galega e a venda directa das mesmas, que leva adiante no marco do proxecto “Cabuxa Natur”.

Proseguimos a xornada formativa achegándonos até a “Granxa A Cernada” en Palas de Rei onde, logo de desfrutar dun xantar compartido, a gandeira Ana Correodoira deunos a coñecer as técnicas aplicadas na súa produción de leite ecolóxica baixo o proxecto “Sen Máis”, así como as estratexias de venda que están a aplicar para facer chegar directamente o leite ás consumidoras/es.

Seguidamente desprazarémonos ata Xermade (Palas de Rei), onde o labrego Daniel López presentará a horta de “Casa de Ribeiras – Produción Ecolóxica”, e explicaranos o procedemento que emprega para realizar a venda directa dos seus produtos ás persoas consumidoras.

Historicamente o ser humano partillou os seus coñecementos e sabiduría para avanzarmos como sociedade, sendo precisamente exemplos paradigmáticos a agricultura e a gandeiría. Dende o Sindicato Labrego Galego queremos pór en valor a importancia de desenvolver este tipo de xornadas, nas que toda a información está aplicada a marcos reais de produción e distribución de produtos agroalimentarios.