A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Rede Galega STOP Eólicos (RGSE) celebra a redacción do InforSaudamos o informe sobre Enerxía Eólica e Paisaxes Culturais do Consello da Cultura Galega

A Rede Galega STOP Eólicos (RGSE) celebra a redacción do InforSaudamos o informe sobre Enerxía Eólica e Paisaxes Culturais do Consello da Cultura Galega

17 de Decembro do 2021

ConselloCulturaGAl

A principios do mes de marzo por iniciativa da Asociación Ambiental Petón do Lobo e colectivos da Rede Galega Stop Eólicos iniciouse esta petición de ditame dirixida ao Consello da Cultura Galega

A Rede Galega STOP Eólicos (RGSE) celebra a redacción do Informe da Comisión Técnica Temporal sobre Enerxía Eólica e Paisaxes Culturais do Consello da Cultura Galega (CGG).

A principios do mes de marzo por iniciativa da Asociación Ambiental Petón do Lobo e colectivos da Rede Galega Stop Eólicos iniciouse unha petición de ditame dirixida ao Consello da Cultura Galega na que se solicitaba deste organismo:

1- Que a Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega considere solicitar un informe relativo ao impacto que a proliferación de parques eólicos e as súas infraestruturas asociadas está a producir sobre:

O patrimonio cultural (material e inmaterial) de Galicia.

  • A necesaria protección deste e a súa constancia nos documentos de avaliación ambiental dos plans, programas e proxectos consonte á normativa vixente.
  • 2.- A publicación deste informe para o acceso e maior toma de conciencia da cidadanía en relación á necesidade da protección do patrimonio cultural de Galicia

A finais de marzo os colectivos da RGSE recibían a seguinte comunicación:

Comunícolle que, ante a situación de afección ao patrimonio natural e cultural que se vai derivar da instalación masiva de parques eólicos en Galicia, e tendo en conta as numerosas solicitudes de informes recibidas no Consello da Cultura Galega, así como a preocupación que nos suscita a nova Lei 9/2021 de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (que facilitará a instalación de proxectos industriais en todo o territorio galego), a Comisión Executiva do Consello da Cultura galega acordou (en reunión do 17 de marzo de 2021) crear unha comisión técnica temporal encargada de elaborar un informe xenérico sobre a cuestión.

Recentemente ven de facerse público o informe que recolle e avala diferentes reivindicacións que nos últimos meses veñen demandando a veciñanza afectada e diferentes plataformas e asociacións diante da implantación masiva de proxectos eólicos no noso territorio.

Entre as conclusións ás que chega o devandito informe cabe destacar:

 

1. É prioritaria a revisión do Plan sectorial eólico de Galicia e o seu sometemento a avaliación ambiental estratéxica, no marco que as Directrices de ordenación do territorio establecen cando regulan o Plan sectorial de produción e distribución de enerxía, para:

 

- atender aos obxectivos sinalados nas Directrices da Paisaxe respecto dos obxectivos de calidade paisaxística; - atender á protección dos valores culturais do territorio a través dos que a LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia recoñece o valor patrimonial do territorio; e

 

- atender á protección dos valores naturais dos espazos que aínda non foron incorporados á Rede Natura.

 

2. É necesario ampliar a Rede Natura e caracterizar as paisaxes cunha definición a maior escala e detalle. A salvagarda dos valores do territorio ante o desenvolvemento eólico actual require unha actuación proactiva da Administración na identificación, inventario e protección deses valores.

 

3. Respecto ao medio, cómpre salvagardar lugares que teñen valor pola súa riqueza natural, cultural, paisaxística, etnográfica ou histórica, xa que coa implantación masiva dos parques eólicos se está a superar a capacidade de carga do sistema natural.

 

4. Verbo da cidadanía, hai que ter en conta que a construción de parques eólicos cubrindo a totalidade do territorio galego racha coa conectividade entre lugares, coa imaxe da paisaxe tradicional e coa memoria colectiva dos seus habitantes.

 

5. É necesaria unha estratexia dotada de instrumentos, medios e recursos que redefina a escala de xestión na que o territorio se considera marco e escenario de xestión transversal do patrimonio cultural. Isto supón desenvolver unha nova cultura sobre o territorio como elemento aglutinador e portador de valores culturais, e garante da permanencia do patrimonio, así como mudar a visión del cun novo enfoque que permita xestionalo dunha forma integral.

 

6. É necesario un compromiso político coa integración ambiental do desenvolvemento eólico impedindo tácticas como a individualización de parques eólicos contiguos que comparten infraestruturas comúns, evitando analizar os seus efectos acumulativos ao avalialas por separado ou o fraccionamento dos proxectos, que se analizan como elementos illados cando deberían ser un todo único que se examinase de forma conxunta.

 

Esa avaliación, así como as súas propias insuficiencias, provocan un alto potencial de danos ambientais e patrimoniais non diagnosticados que poden ser irreversibles pola ausencia de avaliación dos ecosistemas afectados.

 

7. Non se pode equiparar a participación pública coa información pública, xa que a segunda non pode substituír á primeira. A planificación dos territorios susceptibles de acoller parques eólicos debe contar coas comunidades locais polo seu coñecemento do territorio, sen furtarlles o dereito a ser parte das decisións que afectan a súa relación co territorio que habitan, segundo ampara o Convenio europeo da paisaxe.

 

8. Porque é incuestionable que este despregamento eólico modificaría negativamente o territorio e as súas dinámicas e xeraría unha nova paisaxe, é necesario tomar conciencia dos procesos sociais e económicos que xeran estas novas formas da paisaxe, anticipar os efectos que produciría a implantación dos parques e consideralos dentro do proceso de toma de decisións sobre un territorio pensado globalmente.

 

9. A curto prazo, débense mellorar moitos dos instrumentos dos que xa se dispón: a ordenación do territorio e a avaliación ambiental pódense re-deseñar e mellorar a súa función, considerando de xeito integral as múltiples afeccións que as instalacións eólicas xeran á sociedade, ao contorno ambiental, perceptivo e material, e á propia vida das comunidades.

 

10. A longo prazo, debe re-planificarse o modelo de desenvolvemento económico cara a unha sociedade sustentable, o que inclúe unha reflexión sobre as condicións reais de sustentabilidade das chamadas "enerxías renovables".

 

11. Urxe solicitar unha moratoria na autorización de parques, para que as administracións competentes corrixan as eivas descritas no presente informe, antes de continuar coa forte expansión desta tecnoloxía enerxética. Esta proposta xustifícase xuridicamente por dous principios ambientais: o principio de precaución e o de non regresión ambiental.

 

Coa publicación deste informe estase a poñer en valor todo o traballo realizado polas diferentes veciñas, plataformas e colectivos que dalgún xeito contribúen a frear e poñer orde nesta sorte de invasión eólica que pretenden impoñernos pola forza.

 

Despois das contundentes conclusións deste informe, por parte da Rede Galega Stop Eólicos esiximos á Xunta de Galicia que asuma a súa responsabilidade na totalidade dos termos indicados neste, iniciando de inmediato todas as accións necesarias para acadar as medidas propostas e a adopción dunha paralización definitiva dos proxectos en tramitación ate garantir unha verdadeira participación social para unha transición xusta cara a un novo modelo enerxético no que conten as persoas e non só os intereses das empresas enerxéticas