A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. 25N: Unindo forzas para visibilizar e esixir medidas para rematar ca lacra da violencia machista

25N: Unindo forzas para visibilizar e esixir medidas para rematar ca lacra da violencia machista

24 de Novembro do 2021

25N21-

Dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e o movemento labrego internacional La Vía Campesina (LVC), neste día 25 de Novembro, Xornada Mundial pola eliminación da violencia contra as mulleres, animamos a seguir unindo forzas e loitando por sociedades conscientes e ceibes, sen explotación das mulleres e da natureza. Do mesmo xeito, denunciamos o sistema capitalista, heteropatriarcal, racista e colonizador que explota, oprime e atenta contra a vida das mulleres e da humanidade.

Vivimos varias crises estruturais na actualidade; no social, no económico no climático e no alimentario e estámonos enfrontando a unha crecente feminización da fame e da pobreza. Continuamos vendo como, ano tras ano, os gobernos seguen recortando os orzamentos destinados a financiar os servizos públicos esenciais para o desenvolvemento das persoas (ensino, sanidade, servizos sociais...), así como en políticas de igualdade, loita contra exclusión social e a pobreza, loita contra a violencia machista, políticas de vivenda, políticas de emprego... e esto tamén é violencia institucional e afecta directamente ás mulleres. Tamén seguimos sen contar con mecanismos eficaces de punición dos agresores e de acollemento das vítimas para crebar o ciclo da violencia contra a vida das mulleres.

Dende a Secretaría das Mulleres do SLG-CCLL e dende La Vía Campesina, demandamos de xeito urxente dereitos para as mulleres e comunidades labregas, xa que non é posible seguir producindo alimentos en medio de desigualdades e dificultades como a precariedade, os altos custos de produción e os baixos prezos dos alimentos, a migración, a sobrecarga de traballo doméstico e coidados, directamente relacionados co recorte de servizos públicos e ademáis das dificultades de acceder a dereitos fundamentais como o dereito á terra, á auga, á xestión de bens naturais, a financiamento dos nosos proxectos labregos...

As Mulleres labregas deben de exercer os seus dereitos sen discriminación de todos os dereitos humanos e as liberdades fundamentais establecidas na Declaración de Dereitos Labregos aprobada pola ONU.

É por iso que dende a Secretaría das Mulleres do SLG-CCLL e desde La Vía Campesina chamamos ás nosas organizacións membros, amigos e amigas e persoas e outras organizacións aliadas a unirse neste 25 de novembro, realizando e organizando xunto a outros colectivos e movementos marchas, foros, feiras e demais accións de denuncia para esixir aos estados políticas públicas a favor dos nosos dereitos.