A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. MANIFESTACIÓN 13N Compostela: polo fin dos recortes nas pensións públicas e contra os Plans de Pensión Privados de Empresa

MANIFESTACIÓN 13N Compostela: polo fin dos recortes nas pensións públicas e contra os Plans de Pensión Privados de Empresa

10 de Novembro do 2021

MODEPEN 13N

O Sindicato Labrego Galego, integrante do Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN) participará na manifestación convocada para este sábado 13 de novembro ás 12h en Santiago de Compostela, mobilización que será levada adiante simultaneamente en numerosas capitais de todo o Estado.

Dende MODEPEN lanzamos asemade a través desta convocatoria o Manifiesto na defensa das Pensións Públicas, contra os recortes e a privatización, no que expresamos o noso desacordo co Pacto de Toledo e co plan do Goberno de reforma das pensións que o desenvolve, que non ten en conta as reivindicacións urxentes polas que vimos loitando desde fai máis de tres anos e que non poden esperar nin un día máis.

A reforma de Lei presentada no Congreso sométese por completo ao ditado da banca e do poder financeiro, e traducirase, se non somos capaces de evitalo, en recortes das futuras xubilacións, e nun plan de privatización do Sistema Público de Pensións. Ademais, e entre outras cousas, tampouco garante a capacidade adquisitiva das pensións a partir do 2022, ao establecer un sistema de cálculo do IPC que non permite revisar os recortes ata pasados os 5 anos.

Opoñémonos a que os recursos da Seguridade Social sexan secuestrados para Plans Privados de Empresa, así como a ningún macrofondo que fomente as Pensións Privadas, medidas que rompen o carácter solidario do Sistema Público de Pensións. O que precisamos é reforzar e mellorar o sistema público de reparto.

Esiximos ao Goberno central que poña fin aos anunciados recortes en materia de axudas sociais, ás pensións de miseria e aos Plans de Pensións Privados de Empresa. Reclamamos a dimisión do ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións,  José Luis Escrivá, e demandamos ao Goberno unha blindaxe contundente das pensións públicas, dignas, xustas e suficientes, que incorpore as reivindicacións da cidadanía.

As persoas non somos “de usar e tirar” como pretende asentar o dogma capitalista.