A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Rede Galega Stop Eólicos chama a intensificar a loita frente a estratexia de desmobilización da Xunta

A Rede Galega Stop Eólicos chama a intensificar a loita frente a estratexia de desmobilización da Xunta

26 de Outubro do 2021

rede galega stop eolicos

Comunicado da RGSE - A semana pasada tivemos coñecemento das modificacións legais que a Xunta de Galicia di que vai introducir no sector eólico. Dende a Rede Galega Stop Eólicos (RGSE) queremos alertar de que estas modificacións non van servir para afrontar os problemas que supoñen os proxectos eólicos que están en tramitación ante a Xunta na Galiza e ante o Ministerio en Madrid.

Medidas como a de esixir unha distancia mínima aos núcleos de poboación cinco veces a altura do aeroxerador proxectado incluíndo as palas só se aplicaría aos proxectos que se presenten a partir do 20 de Outubro do 2021. Os centos de muíños que están sendo tramitados neste momento estarían a 500 metros das casas. Os proxectos que xa están presentados e se atopan en diferentes fases de tramitación só se verían afectados polas novas distancias no caso que de fixesen algunha “modificación substancial” dos mesmos, cousa que as empresas van evitar, porque poden facer moitas modificacións dentro dos proxectos que se consideran “non substanciais”, permitíndoselle operar cambios moi relevantes, como mudar os modelos de aeroxerador, a súa ubicación, a modificación das liñas, etc.

A situación actual, na que as empresas presentaron tal cantidade desproporcionada de proxectos que nos atopamos ante unha avalancha de muíños de vento, é consecuencia do marco legal que foi modificando a Xunta de Galicia segundo os intereses da patronal eólica. O goberno da Xunta deixou presentar proxectos baixo este marco legal de forma consciente durante todo este tempo, e agora que xa se presentaron a maioría de proxectos eólicos que queren facer as empresas, é cando pretende presentarse como unha administración valedora dos intereses da cidadanía, sabendo que esta modificación legal non vai afectar ás empresas enerxéticas.

Foi o goberno do Partido Popular de Alberto Núñez Feijoo, ca aprobación de leis como a Lei de Implantación de Actividades Empresariais -a famosa Lei de Depredación aprobada no ano 2017 polo PP facendo valer a súa maioría absoluta nun clima de fortes protestas sociais-, ou a Lei de Simplificación Administrativa aprobada a principios deste mesmo ano, o que nos levou á actual situación.

A estratexia de anunciar a moratoria e a modificación da distancia ata as vivendas é simplemente a táctica que o Partido Popular considera máis eficaz neste momento para seguir a súa folla de ruta do espolio enerxético do rural galego.

Primeiro debilitou o marco regulatorio dificultando ao máximo que as poboacións afectadas se poidan defender. Agora tenta botar unha cortina de fume, agardando que o titular do anuncio da moratoria confunda e desmobilice á cidadanía. O obxectivo da Xunta de Galicia segue a ser o mesmo: facilitar a instalación de fábricas de enerxía no medio rural galego. De feito, a Lei de Simplificación administrativa aprobada fai apenas uns meses, por exemplo, adícalle un capítulo específico a medidas para simplificar e axilizar a tramitación deste tipo de proxectos.

Ningunha das modificacións legais cas que a semana pasada tentou desviar a atención a Xunta de Galicia vai frear a inxente cantidade de proxectos presentados. O problema de fondo é que o territorio galego non pode soportar unha carga de infraestruturas enerxéticas como a que hai actualmente encima da mesa en proxectos ante a Xunta e o Ministerio. A implantación dos proxectos eólicos nos termos en que se pretende facer é totalmente incompatible con moitas das actividades económicas que sustentan a vida de centos de concellos, e os seus impactos na calidade de vida das persoas que acelerarían o despoboamento e empobrecemento do noso medio rural, aliás de mudar dramaticamente a paisaxe industrializando os nosos montes.