A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Xunta e Ministerio negocian unha PAC catastrófica para Galiza: inxusta, discriminatoria e ao servizo da agroindustria

Xunta e Ministerio negocian unha PAC catastrófica para Galiza: inxusta, discriminatoria e ao servizo da agroindustria

7 de Outubro do 2021

pac7out21

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, a responsábel de Política Agraria Común no SLG, Ana Rodríguez e Adolfo Cabarcos, membro da Executiva Nacional e da Dirección da carne do SLG, denunciaron  en rolda de prensa en Santiago de Compostela que as propostas para a nova PAC presentadas esta semana polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación supoñen “un absoluto desastre para Galiza”.

Galiza declara unhas 286.000 hectáreas en pastos permanentes. Na rexión que temos, a 403, son 13,5 millóns de euros/ano. Se 100.000 desas hectáreas se consideraran na rexión 503 suporían uns 19,8 millóns de euros/ano. E dicir, só en 100.000 hectáreas, esta situación supón unhas perdas para o noso país de 6,3 millón de euros ao ano”, exemplificou Rodríguez. “Na práctica, unha granxa que teña 20 hectáreas de pasto na Galiza cobraría 3.381,30 euros de axuda básica e redistributiva, mentras que a mesma granxa na mellor rexión de pastos da cornixa cantábrica cobraría 5.183,86 euros”.

 Visto por onde están a ir os resultados, preguntámonos onde está a Consellaría nesta negociación, que nin tan sequera foi quen de conseguir que se recoñezan zonas de regadío para Galiza”, abondou Isabel Vilalba. “Os datos do FEGA ao respecto das superficies declaradas por cultivos no ano 2021 contabilizan na Galiza 1.272 hectáreas declaradas en terras de cultivo de regadío, e a diferenza é moi significativa: en secano o importe é de 158.198 euros, en regadío de 522.792. É un disparate que o conselleiro teña valorado esta mesma semana na súa intervención no Parlamento galego que está contento ca proposta realizada a nivel estatal”.

As liñas presentadas polo Ministerio afondan nas inxustizas xa presentes na PAC actual, ao tempo que incorpora máis esixencias, burocracia e custos. Proxectan unha política agraria común claramente discriminatoria, permitindo topes que facilitan que grandes perceptores sigan cobrando cantidades millonarias, ao tempo que abandona á xente moza non garantindo importes mínimos.

As proposta do Ministerio é unha política agraria común contra os profesionais da actividade agraria e gandeira, e contra un medio rural vivo. Bon exemplo é como na práctica relaxáronse totalmente os criterios para estipular o chamado “agricultor xenuíno”. Estamos diante dunha proposta de PAC que vai directamente contra a agricultura ecolóxica e os modelos máis sostibles e diversificados a escala familiar, como o que é maioritario na Galiza”, salientou Vilalba.

E nun sector tan básico para o noso país como é o leiteiro, abondou a responsábel da PAC no SLG, “para as gandeiras e gandeiros nin prezo nin subvencións: padecemos o prezo máis baixo polo leite de todo o Estado e a negociación da PAC máis penosa”.

Dende o Sindicato Labrego Galego instamos ao Ministerio de Agricultura e á Consellaría de Medio Rural a defender os intereses e necesidades das verdadeiras labregas e labregos, que son quen fornecen de alimentos á poboación e garanten un medio rural vivo. Urxe mudar inmediatamente as posicións que van seguir poñendo ao servizo do conglomerado agroindustrial unha política agraria común europea que debería ter no centro ás persoas e a consecución dun modelo agrario sostíbel, apoiado en pequenas e medianas explotacións, fornecendo alimentos de calidade e coidando do medio ambiente e a biodiversidade.