A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Denunciamos a reincidencia de Corcel Minerals SL/ Eurobattery Minerals AB na execución de prospeccións ilegais en Santa Comba e Coristanco

Denunciamos a reincidencia de Corcel Minerals SL/ Eurobattery Minerals AB na execución de prospeccións ilegais en Santa Comba e Coristanco

16 de Septembro do 2021

sondaxesilegaisCORCELMINERALS

Denunciamos ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Empresa e Innovación e o Concello de Sta Comba unha nova tentativa de realizar sondaxes ilegais nos concellos de Sta. Comba e Coristanco perpetrada pola empresa mercantil CORCEL MINERALS SL e a súa matriz EUROBATTERY MINERALS AB.

Estas empresas efectuaron ata 4 sondaxes ilegais no ano 2019. O 18 de xuño do 2021 a Consellería de Economía, Empresa e Innovación decretou a suspensión dos seus traballos como consecuencia da inspección realizada polos servizos técnicos da Xefatura Territorial da Coruña, iniciando expediente sancionador. Agora, apenas tres meses despois, CORCEL MINERALS SL/EUROBATTERY MINERALS AB. retoma novamente as perforacións na Braña da Serra sen as autorizacións nin estudos requiridos.

No día de onte, 14 de setembro, as organizacións abaixo firmantes demandamos á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Empresa e Innovación e ao Concello de Santa Comba a activación de procedementos sancionadores e a paralización inmediata das novas prospeccións realizadas por CORCEL MINERALS SL. Ditas actividades mineiras non foron sometidas a información pública nin ao exame dos distintos organismos sectoriais para avaliar os seus potenciais impactos, tampouco contan con Plan de Restauración ou Estudo de Impacto Ambiental.

Ante esta nova ilegalidade, esiximos contundencia na resposta por parte das administracións públicas fronte á reincidencia de CORCEL MINERALS SL e a súa empresa matriz EUROBATTERY MINERALS AB, que veñen facendo do incumprimento das normativas medioambientais parte da súa estratexia de expansión. Habida conta do tipo de contaminación e danos causados por esta clase de prospeccións, a celeridade na actuación da Administración é clave, e tamén a posta en marcha de medidas exemplarizantes que impidan que outras empresas se sumen á estratexia de ir avanzando nos seus plans de negocio pola vía de obviar as normativas e logo pagar as multas, se é que as pillan.

A voz de alarma démola o pasado 15 de xuño, ao coñecer a través da web de EUROBATTERY MINERALS AB a súa intención de iniciar unha nova campaña de perforacións en parcelas ubicadas nos concellos de Coristanco e Santa Comba. Estas escavacións teñen como obxectivo a zona húmida Braña da Serra, unha área de especial valor e alta singularidade ecolóxica, cuxa protección ten sido reclamada reiteradamente por distintos colectivos. Cómpre destacar tamén que, ao tratarse de sondaxes inclinadas, estas actividades mineiras poderían afectar acuíferos e reservas freáticas de auga. Nesa área ubícanse tamén varias fontes que fornecen de auga ás familias da contorna, a pouco máis dun quilómetro de distancia.

Daquela presentáronse denuncias diante da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, da Consellería de Industria, dos concellos afectados, da Policía autonómica e do Seprona. Solicitouse a paralización inmediata das sondaxes, dado que se trataba de actividades que carecían das preceptivas autorizacións mineiras, ambientais e urbanísticas, así como o inicio dos correspondentes procedementos sancionadores contra os infractores. As prospeccións foron suspendidas nunha inspección realizada polos servizos técnicos da Xefatura Territorial da Coruña o 16 de xuño, suspensión ratificada polo xefe do Servizo de Enerxía e Minas da Consellería o 18 de xuño, canda a apertura de expediente sancionador.

Agora, apenas tres meses despois, CORCEL MINERALS SL e a súa empresa matriz EUROBATTERY MINERALS AB retoman a súa actividade ilegal, evidenciando que consideran perfectamente factíbel operar na nosa terra sen cumprir o marco normativo. Ademais, novamente somos as veciñas, veciños e organizacións sociais quen alertamos desta situación. Esiximos ás Administracións públicas contundencia na actuación contra CORCEL MINERALS SL e EUROBATTERY MINERALS AB, e que deixen de eludir as súas responsabilidades en materia de vixilancia medioambiental.

ORGANIZACIÓNS DENUNCIANTES: Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, veciñas da plataforma “BerXallas. Minaría Destrutiva, Non”, Coluna Sanfins e Asociaciación Petón do Lobo, organizacións que forman parte de Contraminacción, Rede contra a minaría destrutiva de Galiza.