A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Xefatura Provincial de Lugo tira dun Decreto de 1986 para non atender as necesidades do transporte escolar rural

A Xefatura Provincial de Lugo tira dun Decreto de 1986 para non atender as necesidades do transporte escolar rural

19 de Agosto do 2021

ParadaActualCruce

Solicitamos á Consellaría de Infraestructuras e Mobilidade e á Xefatura Provincial de Lugo a atención inmediata á solicitude das familias das dúas únicas crianzas que collen o bus escolar no barrio de A Casanova – Noche (Terra Chá), que arestora teñen que facelo lonxe das súas casas nun cruce perigoso, malia a que o percorrido do bus pasa por diante das súas casas.

No mes de xullo dúas familias de alumnado de Educación Infantil e Primaria de Vilalba presentaron solicitudes de modificación da parada de transporte escolar para aproximalas ao seu domicilio, localizado no Barrio A Casanova – Noche. Esta solicitude de variación non afectaría ao actual percorrido do autobús, que inevitablemente ten que pasar por diante das casas onde esta nena e este neno residen, e son o único alumnado que se recolle na actual parada. Ademais, esta nova parada sería máis segura, dado que a actual está nun cruce con pouca visibilidade.

A Xefatura Provincial de Lugo vén de comunicar a denegación desta modificación, alegando fundamentalmente que non hai unha distancia de 2.000 metros entre parada e parada para conceder unha nova, e que a actual non se pode modificar por ser unha ruta integrada.

A resposta da Xefatura Provincial de Lugo é un claro exemplo de como, na práctica, as palabras de aposta polo rural galego atópanse á hora da verdade con impedimentos tan absurdos e gratuítos coma a obcecación por aplicar un criterio técnico obsoleto, correspondente a un Decreto do ano 1986, totalmente afastado da actual realidade do medio rural. Que tipo de compromiso ca poboación rural cabe agardar dunha Administración que nin tan sequera ten vontade de adaptar minimamente o transporte escolar ás necesidades das dúas únicas crianzas dunha zona sen apenas servizos públicos nas súa contorna?

Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos indignante a rixidez coa que se pretende aplicar a normativa dun servizo público esencial para o futuro do medio rural como é o transporte escolar. Co inicio de cada novo curso escolar, tódolos anos son varias as familias de alumnado de primaria e secundaria que se atopan con impedimentos para elaborar itinerarios seguros, que teñan como obxectivo principal o benestar das cada vez menos nenas e nenos das nosas aldeas e vilas.

Un rural con futuro é imposible sen nenas e nenos. Para fixar poboación nas nosas aldeas e vilas, e para atraer poboación nova, é imprescindíbel asegurar servizos públicos que garantan unha calidade de vida en igualdade de condicións con respecto ás áreas urbanas. Ademais, como temos sinalado en reiteradas ocasións, a dificultade para acceder a servizos como a educación ou a sanidade repercute de xeito diferenciado nas mulleres, incrementando as discriminacións estruturais que teñen que enfrontar cada día e que as sitúan en desigualdade de oportunidades.

Solicitamos á Consellaría de Infraestructuras e Mobilidade que autorice a nova parada á maior brevidade posíbel, e que a Xefatura Provincial de Lugo informe favorablemente, atendendo á solicitude destas dúas familias de crianzas de 4 e 9 anos para garantir as mellores condicións posíbeis no seu traslado ao centro educativo, como corresponde á responsabilidade da Administración.