A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG denuncia sondaxes ilegais que afectan os recursos hídricos de nove familias en Santa Comba e Coristanco

O SLG denuncia sondaxes ilegais que afectan os recursos hídricos de nove familias en Santa Comba e Coristanco

15 de Xuño do 2021

Sondaxes ilegais

O Sindicato Labrego Galego vén de presentar, xunto a outros colectivos e organizacións, unha denuncia diante da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística contra as sondaxes mineiras ilegais nas que está a reincidir a empresa Eurobattery Minerals en Coristanco e Santa Comba. A denuncia tamén foi presentada diante da Consellaría de Economía, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, do Concello de Santa Comba e da Policia Autonomica.

As sondaxes poderíanse estar facendo xa nunha zona de “especial valor e alta singularidade ecolóxica”: a zona húmida Braña da Serra. Ao tratarse de sondaxes inclinadas, poderían afectar acuíferos e reservas freáticas de auga. De feito, temos constancia da existencia de fontes que fornecen auga para nove familias do lugar a pouco máis de un quilómetro de distancia.

Corcel Minerals, empresa matriz de Eurobattery, vén de anunciar na súa páxina web que iniciou ou vai iniciar, este mes de xuño unha nova campaña de sondaxes para os que contrataron a empresa Geonor. Na denuncia explícase que “a mesma empresa realizou, ilegalmente, sen autorización da Dirección Xeral de Política Enerxética e Recursos Naturais nin autorización urbanística municipal, catro sondaxes en 2019, que xa daquela foran denunciadas. A día de hoxe, segue carecendo das preceptivas autorizacións.

No escrito de denuncia tamén se explicita que ningunha das sondaxes ilegais teñen plan de restauración nin estudo de impacto ambiental, amais de non ter sido sometidas a información pública.

Por todo o devandito, dende o SLG solicitamos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística a paralización inmediata das sondaxes.