A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Un gandeiro de Forcarei e unha gandeira de Chantada, novas responsábeis do Sector Lácteo do Sindicato Labrego

Un gandeiro de Forcarei e unha gandeira de Chantada, novas responsábeis do Sector Lácteo do Sindicato Labrego

11 de Xuño do 2021

Congreso do Leite do SLG

O Sindicato Labrego Galego celebrou hoxe, 11 de xuño, o seu Congreso do Leite no Pazo de Liñares (Lalín), un evento que se encadra no décimo proceso congresual da organización agraria. Desta vez, a afiliación escolleu un gandeiro de Quintillán (Forcarei, Pontevedra), Manuel Villaverde Salgueiro, como novo responsábel para os vindeiros catro anos. Xunto a el, será vicerresponsábel Ana Rodríguez, de Sabadelle (Chantada, Lugo), e terán o apoio dunha renovada Dirección do Leite cuxos membros saíron elixidos das diversas asembleas comarcais que se celebraron na Galiza nos meses previos. Desta maneira, no SLG dáselle relevo á anterior Dirección do Leite xurdida do anterior congreso, elixida o 15 de decembro de 2017, da que Lupe Prado foi responsábel.

O SLG abordou este congreso coa conciencia da crise crónica que sofre este sector, cun peche permanente de granxas por falla de relevo xeracional e expectativas, así como uns prezos para o produto en orixe que son sempre os máis baixos do Estado e uns dos máis baixos da Unión Europea. Segundo os últimos datos publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), correspondentes a febreiro de 2021, Galiza conta con 6.694 granxas de leite, que representan o 55% do total das existentes no Estado (12.008) e son responsábeis do 31% da produción láctea estatal.

O peche de granxas no sector lácteo galego foi brutal nas última década se temos en conta que, no ano 2010, había 12.000 explotacións activas perfectamente viables se tivesen recibido o necesario apoio da Administración. Que nunha década o sector lácteo perdese a metade das súas granxas supón a constatación do fracaso das políticas agrarias da Xunta e do Ministerio de Agricultura, que segue a permitir o desmantelamento dun sector vital para o noso medio rural en aras dunha malentendida modernidade.

Do informe mensual do Fega tiramos tamén que o prezo medio para o leite en orixe na Galiza foi de 32,7 céntimos por litro en febreiro de 2021, un céntimo menos que a media estatal (33,8) e moi lonxe da nosa veciña e segunda produtora do Estado, Asturies, onde a media foi de 35,5 céntimos.

O peche constante de explotacións, debido ás dificultades propias do sector e a falla de relevo xeracional, estannos levando cara a un modelo produtivo no que cada vez máis produción se concentra en menos mans (dende 2001, incrementamos a produción nun 58,9%). A pesares do incremento produtivo, a viabilidade das granxas segue comprometida porque non hai dispoñibilidade de terra abondo para dotalas de base territorial. A permisividade da Xunta coa forestación ilegal de terras agrarias levou a Galiza a ser un dos territorios da Unión Europea con menor superficie agrícola: En torno ao 20% fronte a unha media do 40%.

AS PREVISIÓNS APUNTAN A UN FORTE INCREMENTO DOS CUSTES, POLO QUE DE MANTERSE OS PREZOS BAIXOS O CONFLITO ESTARÁ SERVIDO

A falta de terras e o incremento produtivo das granxas que van quedando fan que o modelo predominante camiñe cada vez cara a unha maior intensificación e, polo tanto, cara a unha maior dependencia de insumos do exterior, o que nos fai especialmente vulnerables. Nos vindeiros anos, é previsible que a escaseza de petróleo se traduza nun notable incremento no prezo do millo e da soia importados, dos abonos nitroxenados, do carburante necesario para traballar as terras e transportar as producións... Incremento constante de custes co prezo para o leite en orixe máis baixo do Estado e un dos máis baixos de Europa: O conflito está servido.

A isto habería que engadir que nos atopamos nun período transitorio cara a unha nova PAC na que as obrigas para poder acceder ás axudas -necesarias para compensar uns prezos artificialmente baixos- van ser cada vez maiores, sobre todo en relación coas emisións de gases con efecto invernadoiro (GEI) e co gando vacún no punto de mira. Haberá que traballar duro para virar esa visión negativa e interesada, que mete no mesmo saco a gandería extensiva -beneficiosa para arrefriar o planeta e diminuír a emisión de GEI- e a gandería intensiva e sen terra, especialmente en sectores como o porcino ou o avícola.

No relatorio do Congreso do Leite debatido e aprobado, falouse polo miúdo de todo isto, ademais doutras problemáticas e desafíos que foron dende a Lei da Cadea Alimentaria ou o proceso xudicial iniciado contra o Cártel do Leite, até os danos da fauna salvaxe, as relacións coa industria e os contratos, ou o decreto para a nutrición sostible do solo agrario, por citar algunhas das cuestións tratadas máis relevantes.

Congreso do Leite do SLG