Fixémolo como membro dos órganos de participación das Reservas da Biosfera Terras do Miño, por unha banda; e dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, por outra. Ademais, tamén interpelou ao Consello Científico de Parques Nacionais, organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.
O primeiro deles é o Parque eólico de Barjas, que pretende instalar 22 aeroxeradores cunha potencia total de 121 MW e as súas liñas de evacuación nos concellos de Oencia, Trabadelo e Vega de Valcarce (León) e Barco de Valdeorras, Petín e Vilamartín de Valdeorras (Ourense).
Diante disto, interpelamos o Consello Científico de Parques Nacionais (Ministerio de Transición Ecolóxica) e ao ao órgano reitor da Reserva da Biosfera de Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá para que solicite informe ao Consello Científico, órgano asesor do Comité Español do Programa MaB (Home e Biosfera / Man and the Biosphere) da Unesco ( o SLG forma parte do órgano de participación).
O Parque Eólico de Barjas afecta de maneira severa á Rede Natura e, en concreto, ás zonas de especial conservación (ZEC) de Ancares-Courel, Ribeira do Sil e afluentes e Macizo Central; á Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; e á futura Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e Courel, cuxa candidatura está a piques de ser aprobada pola Unesco e podería ficar comprometida por este proxecto enerxético.
O SLG tamén interpelou aos consellos científicos devanditos sobre o Parque Eólico Pena do Furco, que pretende instalarse no concello de Becerreá, promovido por Enel Green Power, e contempla erguer sete aeroxeradores.
A maiores, tamén solicitamos informes sobre o Parque eólico Hépotas II, en Muras (Lugo), concello que forma parte da da Reserva da Biosfera Terras do Miño, de cuxo órgano de participación forma parte o SLG.. Trátase dunha ampliación con 2 aeroxeradores do proxectado parque eólico Hépotas, que xa contemplaba a instalación doutros catro no proxecto inicial, delatando así a fragmentación dun mesmo proxecto para eludir trámites e obrigas ambientais e administrativas.
O emprazamento atópase dentro do sistema do río Xestosa ou Xanceda, interceptando dous afluentes do mesmo. Tamén hai unha afección moi severa e incompatible coas zonas húmidas Tremoal e Brañas da Gañidoira, ambos pertencentes ao complexo de turbeiras e uceiras do Xistral.
En canto á fauna, afectará negativamente o hábitat de especies ameazadas como a tartaraña cincenta (Circus pygargus), a gatafornela (Circus cyaneus) ou o voitre (Gyps fulvus). Tamén se verán afectadas especies vulnerables como a salamántiga rabilonga (Chioglossa lusitánica), o sapo raxado (Discoglossus galganoi), a ra ibérica, a píntega, o escáncer (Anguis fragilis), o lagarto arnal (Timon lepidus),o aguaneiro (Galemys pyrenaicus) ou morcegos como o Rhinolophus ferrumequinum e o Rinolophus hipposideros (só presente no catálogo galego), entre outras. O grave no que ser refire á fauna é a minimización do impacto sobre as mesmas que fan as empresas promotoras, recollendo unha previsión de seguimento sobre a súa afectación que non se vai facer na realidade ou que se vai facer de forma parcial e interesada pola propia empresa para xustificar que os impactos son mínimos e que a implantación do parque non supón ningunha afectación relevante, ao igual que acontece con outros parques. Nos informes, consideran estas áreas como se fosen territorios pechados sen que a fauna se poida mover entre eles, o cal é falso. A ninguén se lle escapa que dada a proximidade dos aeroxeradores, a dimensión da superficie que percorren as pas e a súa altura, o parque constitúe unha barreira e unha trampa para aves, quirópteros e insectos, ao tempo que impide a permeabilidade entre as áreas protexidas, de maneira que a afectación será moi grave se consideramos a totalidade dos aeroxeradores que se pretenden instalar.
Finalmente, tamén hai unha afección severa aos núcleos de poboación de O Chao, O Vilar da Xestosa, Furco, O Couce, As Bouzas, O Coto, A Casanova da Xestosa, O Rego da Parede, O Pico Verde, O Porto, A Rega, Leganitos, A Abidueira, Curralvello, A Armada, A Paleira.
No concello de Ourol e Muras, tamén saíu a trámite a ampliación do Parque Eólico de Vilachá, outra fragmentación encuberta dun megaproxecto contra a que alegamos tamén dende o Sindicato Labrego Galego. Neste caso, preténdese aprobar un novo aeroxerador dentro do territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño, con afección severa ao río Landro, na Serra do Xistral, protexido como zona de especial conservación (ZEC).
A nivel humano, afecta directamente aos núcleos de Vilachá (a 510 metros), Folgoselo (a 528 metros), A Carballeira (a 1.036 metros), As Pernas (a 1.581 metros) e Fornelos (a 994 metros).
Finalmente, dende o SLG tamén denunciamos o Parque Eólico de Pena Ombra, situado nos concellos de Guitiriz (Lugo), Curtis e Sobrado dos Monxes (A Coruña) e, polo tanto, dentro das Reservas da Biosfera Terras do Miño, pola banda lucense; e Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, na provincia veciña.
O Parque Eólico de Pena Ombra está promovido por Greenalia Wind Power e contempla a instalación de dez aeroxeradores que alcanzarán unha altura de 180 metros na parte máis alta do diámetro do rotor e estarán situados na área de reserva da Serra da Cova da Serpe, proposta para ampliación da Rede Natura.
Unha das principais afectacións deste parque será ao nacemento de cursos fluviais, xa que a Serra da Cova da Serpe atópase na divisoria de augas entre as concas dos ríos Miño, ao leste, e Mandeo, ao oeste, co nacemento dunha vintena de cursos fluviais. Por este motivo, dende o SLG esixiuse a realización dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico previo co fin de garantir a non afección a acuíferos e garantir a calidade das masas de auga superficiais e soterradas. Tamén están afectadas varias zonas húmidas e especies animais protexidas.