A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG pide a Medio Rural manter as axudas para paliar o impacto da Covid-19 no agro

O SLG pide a Medio Rural manter as axudas para paliar o impacto da Covid-19 no agro

19 de Abril do 2021

PDR

O 14 de abril tivo lugar a reunión do Comité de Seguimento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galiza, do que o Sindicato Labrego Galego forma parte. Nesta xuntanza, a Consellería de Medio Rural propuxo unha modificación importante do PDR: a prórroga para o período 2021-2022 e a incorporación dos fondos do Instrumento de Recuperación da UE (EURI) ao PDR.

O Sindicato Labrego Galego xa pedira, en agosto e outubro do ano 2020, información pormenorizada sobre a execución do actual PDR, as previsións da Consellaría para a súa prórroga nos anos 2021 e 2022, e como se ían aplicar os fondos do Instrumento de Recuperación da UE.

Nesta modificación o SLG presentou as seguintes observacións:

  1. O SLG expresou o seu acordo co mantemento ou ampliación de fondos para medidas e submedidas que son básicas para os distintos sectores (incorporacións, axudas zonas de montaña e outras zonas con limitacións específicas, plans de mellora) e coa nova convocatoria tanto para as axudas agroambientais como para as axudas de conversión e mantemento da agricultura ecolóxica. Porén, pensamos que estas deberíanse ter convocado xa no ano 2021, xa que hai granxas que levan anos esperando por esta convocatoria e para elas tería sido moi importante ter aproveitado xa este exercicio.

  2. Solicitamos que se manteñan as axudas excepcionais temporais para paliar as consecuencias do COVID. A normativa europea (Regulamento (UE) 2020/2220) permite a súa concesión de novo durante o exercicio 2021 (pagada a 31/12/21 e aprobada pola autoridade competente a 30/06/21). O SLG valora que durante o ano 2021 as circunstancias seguen a ser malas ou moi malas en determinados sectores, polo que estas axudas deben manterse.

  3. A maiores, tamén preguntamos polos motivos que levaron á Consellería de Medio Rural a dotar de fondos outra vez determinadas medidas que fracasaron. Fíxoo sen cambiar a súa aplicación e sen facer unha análise dos motivos polos que non se conseguiron executar eses fondos: As medidas 1 (formación) 2 (aconsellamento) e a submedida 16.4, (circuítos curtos de comercialización). Neste caso tamén se encontra a Medida 9 para financiar organizacións de produtores e produtoras: O gasto de todos estes anos neste capítulo foi de 0 euros e descoñecemos que houbese cambio algún que xustifique este gasto. Téñase en conta que a propia Xunta e as mesmas organizacións de produtores do sector lácteo admitiron que no estaban a cumprir a finalidade para a que foron creadas en 2012, polo que non se entendería que agora fosen novamente financiadas.

  4. Polo que se refire á submedida 4.3, solicitamos transparencia e información actualizada sobre a apertura de novos procesos de aldeas modelo e polígonos agroforestais.

  5. O SLG tamén salientou a súa preocupación polo futuro PDR que se aplicará a partir do ano 2023 e pediulle á Consellería máis participación no seu deseño.

Finalmente, cómpre advertir que, a día de hoxe, as organizacións agrarias non tivemos ningunha reunión nin canle de participación para reallizar achegas ou propostas ao novo Plan de Desenvolvemento Rural que a Xunta ten que remitir ao Ministerio de Agricultura nos vindeiros meses. Neste senso, lembramos que, na etapa anterior do PDR, a propia Unión Europea advertiu á Xunta a necesidade de garantir participación efectiva dos diversos axentes do sector no deseño do PDR.