A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG inicia no Día das Loitas Labregas o camiño cara ao seu X Congreso co sectorial de vacún de carne

O SLG inicia no Día das Loitas Labregas o camiño cara ao seu X Congreso co sectorial de vacún de carne

17 de Abril do 2021

Congreso da Carne do SLG 2021

Coincidindo co 17 de abril, Día Internacional das Loitas Labregas, o SLG iniciou o proceso que o levará ao seu décimo Congreso neste 2021 celebrando, en Maceda, o sectorial correspondente a vacún de carne. Desta vez, a afiliación escolleu un gandeiro de Bóveda (Vilar de Barrio, Ourense), Samuel Formoso Salgado, como novo responsábel para os vindeiros catro anos. Xunto a el, será vicerresponsábel, Mari Carme Varela, de Vilameá (Guntín, Lugo), e terán o apoio dunha renovada Dirección da Carne cuxos membros saíron elixidos das diversas asembleas comarcais que se celebraron na Galiza nos meses previos. Desta maneira, no SLG dáselle relevo á anterior Dirección da Carne xurdida do anterior congreso, elixida o 11 de febreiro de 2017, con Lois Varela e Inés Casabella como responsábel e vicerresponsábel.

O SLG abordou este congreso coa conciencia da importancia fundamental que ten o sector da carne de vacún na Galiza, sendo o que conta con maior número de granxas. A falta de datos actualizados e públicos da Consellaría de Medio Rural, segundo o Ministerio de Agricultura, Galiza tiña en xuño de 2020 22.962 granxas especializadas en vacún de carne, ás que habería que engadir 428 mixtas, o que supón o 27,5% das explotacións de vacas para carne do Estado. Grazas a esta importante presenza gandeira, grazas ao sector da carne de vacún mantéñense poboadas algunhas das zonas do país, como as de montaña, máis castigadas polo abandono e o envellecemento, cumprindo desta maneira unha función esencial na xestión e vertebración do noso territorio.

Porén, semella que dende as administracións, nomeadamente a Consellaría de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura, non acaban de decatarse disto porque as problemáticas que arrastra o sector dende hai décadas semellan cronificarse sen que se desenvolvan políticas para revertelas. Cuestións como a dos prezos mesmo foi a peor debido á pandemia. O relatorio aprobado no Congreso de Vacún de Carne do SLG fala de “baixadas de até 70 céntimos por quilo en Tenreira Suprema ou de case o 50% nas vacas de desvelle” con vías de comercialización convencionais.

Precisamente, a política, lonxe de ser unha posíbel solución a estes problemas, semella porfiar en empeoralos, tal e como demostra a sinatura de tratados de libre comercio enormemente lesivos para o sector, como Mercosur con varios países suramericanos ou o CETA con Canadá, que permiten a importación sen aranceis de miles de toneladas de carne de vacún á Unión Europea.

Máis alá do mercado, na propia xestión do territorio as políticas, neste caso da Xunta, máis que axudar, supoñen atrancos. Temas como as perdas millonarias que provoca a fauna salvaxe seguen sen solucionarse, cun sistema de compensacións que segue a ser manifestamente insuficiente e que, mesmo nos casos que presta cobertura, segue lastrado polos atrasos e as ínfimas contías das compensacións.

Este baleiro de xestión coa fauna, tamén se practica coa pasteira Ence e coa permisividade á hora de plantar eucaliptos, invadindo ilegalmente terras agrarias ou afectando negativamente a agricultura e a gandería por non respectarse as distancias a que obriga a lei ou por deixar sen base territorial suficiente miles de explotacións.

Nin sequera se fai algo tan sinxelo e barato de controlar para a Xunta como a transparencia nas pesadas dos matadoiros. “Tras moitos anos de denuncias, entrevistas e xestións, non demos conseguido que as balanzas dos matadoiros estean revisadas, homologadas e precintadas, o que supón moitas veces perdas considerables na venta dos becerros”, denúnciase no relatorio.

Mesmo naquilo que si podían axudar as administracións, como coas axudas da Política Agraria Común (PAC), seguen a favorecer aos de sempre: ás grandes empresas e terratenentes e ao modelo intensivo. Así, co que se deu en chamar “reverdecemento” da PAC, agora pretenden esixir ás granxas en extensivo e semiextensivo a compra de inxectores de xurro carísimos e inútiles nunha orografía como a do norte peninsular, mentres quen verdadeiramente contamina -as explotacións intensivas, especialmente avícolas e de porcino- poderán seguir facéndoo sen consecuencias. De feito, o relatorio do Congreso da Carne, tras analizalo polo miúdo conclúe que “a nova PAC non é unha reforma en si, senón un gran cambio que en ningún caso vai mellorar a situación das granxas de vacún de carne na Galiza”.

Congreso de Vacún de Carne do SLG