A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG denuncia seis parques eólicos e unha liña de alta tensión na Reserva da Biosfera das Mariñas e o Mandeo

O SLG denuncia seis parques eólicos e unha liña de alta tensión na Reserva da Biosfera das Mariñas e o Mandeo

9 de Abril do 2021

stop eólicos

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar unha batería de escritos interpelando, por unha banda, ao Comité Científico da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; e, por outra banda, ao Consello Científico de Parques Nacionais, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. De ambos comités, o SLG solicitou informes sobre a afección que terán sobre a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo a planificada instalación dunha liña de alta tensión e seis parques eólicos, cun total de 43 aeroxeradores que poden alcanzar os 200 metros de altura, cuxos proxectos están agora mesmo en período de alegacións.

Os proxextos denunciados son os seguintes:

  1. Parque eólico de Feás: Promovido por Galenergy SL, cunha potencia de 40 MW, nos concellos de Aranga e Coirós. Terá 8 aeroxeradores cunha altura de 200 metros no extremo da pa máis alta (127,5 metros de torre e 145 metros de diámetro do rotor).

  2. Parque eólico de Felga: Promovido por Greenalia Green Power, cunha potencia de 21 MW, nos concellos de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras. Terá 5 aeroxeradores cunha altura de 180 metros no extremo da pa máis alta (112 metros de torre e 136 metros de diámetro do rotor).

  3. Parque eólico de Fontella: Promovido por Galenergy SL, cunha potencia de 50 MW, nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras. Terá 10 aeroxeradores cunha altura de 200 metros no extremo do rotor.

  4. Parque eólico de Gato: Promovido por Greenalia Green Power, cunha potencia de 25,2 MW, nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras. Terá 6 aeroxeradores cunha altura de 180 metros no extremo da pa máis alta (112 metros de torre e 136 metros de diámetro do rotor).

  5. Parque eólico de Seselle: Promovido por Galenergy SL, cunha potencia de 35 MW, nos concello de Oza-Cesuras. Terá 7 aeroxeradores cunha altura de 200 metros no extremo da pa máis alta (127,5 metros de torre e 145 metros de diámetro do rotor).

  6. Parque eólico de Legre: Promovido por Green Capital Power, cunha potencia de 38 MW, na fronteira que separa os concellos de Mesía e Oza-Cesuras. Terá 7 aeroxeradores cunha altura de 200 metros no extremo da pa máis alta (115 metros de torre e 170 metros de diámetro do rotor).

  7. Liña de Alta Tensión Monteagudo-Morás: Promovida por Eólicos Breogán SL consistente nunha instalación de distribución eléctrica por vía aérea e subterránea de 66 kilovoltios (kV) que transcorrerá polos concellos de Carballo, A Laracha e Arteixo.

Dende o SLG cremos que o alto grado de protección do que goza un territorio catalogado como “Reserva da Biosfera” é totalmente incompatible con este tipo de instalacións, tremendamente agresivas co medio ambiente, polo que as autoridades competentes non poden permitir, baixo ningún concepto, a execución destes proxectos.

O Sindicato Labrego Galego forma parte da Rede Stop Eólicos (www.redestopeolicos.org) e foi unha das organizacións que deu o seu apoio ao manifesto “Aldeas con Horizontes” (bit.ly/ManifestoEólico).