A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Xunta nega información sobre os proxectos e empresas que optan aos fondos europeos de recuperación

A Xunta nega información sobre os proxectos e empresas que optan aos fondos europeos de recuperación

29 de Marzo do 2021

Reparto Xusto Next Generation

O pasado xoves o Consello da Xunta aprobou a proposta do goberno galego de proxectos para optar aos Fondos Europeos de Reconstrución Next Generation, que a nivel comunitario pretenden mobilizar até 750.000 millóns de euros para dar unha resposta á crise xerada pola COVID-19. O presidente Alberto Núñez Feijoó anunciou até 354 proxectos por un montante cercano aos 20.000 millóns de euros, mais sen dar absolutamente ningún detalle nin información sobre cales son os proxectos, que empresas hai detrás, que mecanismo se utilizou para escollelos e como se van repartir.

A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto considera intolerábel esta falta de transparencia e participación pública nun proceso do que vai depender o futuro do país.

É alarmante esta opacidade, porque pode servir para que se rescate só ás grandes corporacións cos cartos de todos e de todas, esquecendo as necesidades básicas de quen realmente sufriu a crise. Esta antidemocrática forma de proceder do goberno galego o único que fai é xerar sospeitas. Preguntámonos se, como aconteceu na crise de 2008, a súa intención é rescatar só ás empresas e deixar á cidadanía ao pairo”, declarou Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego e portavoz da Coordinadora.

A Coordinadora advirte ademais que o programa Next Generation EU está composto por fondos públicos que no futuro teremos que pagar entre todos e todas, polo que é lóxico que o seu uso se someta á participación pública. Só unha parte destes fondos europeos son a fondo perdido, o resto debe ser devolto polo estado beneficiado. Ademais, os fondos cúbrense mediante a emisión de débeda europea, polo que os estados e a súa cidadanía convertiranse en deudores do importe dos mesmos. Asemade, están condicionados á realización de reformas nos eidos laboral e de pensións, e polo tanto teñen que estar suxeitos ao debate e á opinión da cidadanía.

Malia isto, a Coordinadora sallienta que os fondos, ben empregados, poden ser unha grande oportunidade para comezar a impulsar un cambio sistémico no que imperen a xustiza social e ambiental, mais este manexo antidemocrático parece responder á defensa de intereses privados da élite económica e non ao interese xeral.

Esiximos á Xunta de Galicia transparencia, participación pública e un reparto xusto dos fondos. Sen transparencia non hai democracia. Se pagamos todas, decidimos todas”, conclúe Isabel Vilaba.