A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Mobilizacións na Galiza para esixir un reparto xusto dos fondos europeos de recuperación Next Generation

Mobilizacións na Galiza para esixir un reparto xusto dos fondos europeos de recuperación Next Generation

29 de Xaneiro do 2021

Tarta Next Generation

Diversas organizacións ecoloxistas, sindicais e colectivos sociais galegos imos realizar este sábado, 30 de xaneiro, accións de protesta diante de diferentes sedes administrativas do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia para denunciar o escurantismo e a falta de participación pública no reparto dos fondos europeos de recuperación Next Generation, que nos vindeiros anos mobilizarán até 750 mil millóns de euros.

As organizacións participantes denunciamos a falta de transparencia por parte da Xunta na toma de decisións e nos criterios de adxudicación e esiximos un proceso de participación pública vinculante para decidir o destino dos cartos. Así, esiximos que os gobernos estatal e galego modifiquen os criterios de reparto dos fondos Next Generation:

Transparencia e participación da sociedade civil na toma de decisións e nos criterios de adxudicación e inclusión de estritos controis ambientais e sociais dos proxectos:

  • Prioridade na contratación para proxectos estratéxicos de desenvolvemento local.

  • Centrar o destino do orzamento  nunha verdadeira transición ecolóxica e a descarbonización da economía. Que constrúan unha sociedade máis resiliente fronte o cambio climático e a crise da biodiversidade.

  • Os proxectos deben plasmar perspectiva de xénero e combater a desigualdade.

  • Os proxectos deben priorizar a colaboración público-comunitaria.

  • Os fondos deberán dar prioridade ao apoio de iniciativas de persoas autónomas, labregas, mariñeiras artesás, cooperativas e pemes por ser os segmentos laborais que máis empregos xeran e máis repartidos están por toda a xeografía galega.

  • Máis investimento para saúde, educación, investigación, coidados e cultura.

Seguir apostando por aumentar os beneficios económicos de grandes empresas contaminantes que vulneran os dereitos das persoas traballadoras é unha gran inxustiza e non supón ningunha transición, nin ecolóxica nin social. Para abordar a necesaria transición, estes fondos deben destinarse a favorecer unha economía de planificación e xestión democrática, unha economía feminista, social e solidaria.

Os fondos europeos asignados ao Estado español ascenden a 140.000 millóns de euros, a metade como préstamos e a outra metade a fondo perdido pero condicionados a reformas estruturais no eido laboral e das pensións. Os fondos que achega a UE están a conseguirse a través da venda masiva de bonos de débeda que non sairán gratis e que, con toda probabilidade, haberá que pagar nun futuro.

O Goberno español, a través da publicación do RD 26/2020, anuncia como pedra angular a colaboración público-privada, cos bancos como xestores “a título lucrativo” do diñeiro. Ademais, limita as posibilidades de acceso, impoñendo uns investimentos mínimos que unicamente poden cumprir os grandes proxectos corporativos dunhas poucas empresas. Mentres, a Lei de Simplificación administrativa e Reactivación**de Galicia, que se está a tramitar no Parlamento galego, presentada polo PPdG para burlar a tramitación ordinaria como proxecto de lei do Goberno galego, é a continuidade da Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, máis coñecida como Lei de Depredación***, feita a medida das empresas extractivistas de enerxía e outros proxectos especulativos. Cómpre lembrar que máis do 50% dos fondos de recuperación serán xestionados polas comunidades autónomas.

En Galiza, a Xunta formou un “Comité de expertos” onde non hai nin rastro de organizacións sindicais, profesionais da sanidade, de servizos sociais, e nin sequera da pequena e mediana empresa, apostando pola creación dunha sociedade público-privada con maioría privada que controle a xestión dos fondos. Semella ter repartido xa o pastel e, polo que se vai sabendo, enfocando unha gran parte dos recursos cara á industria enerxética e as empresas que pretenden lucrarse cun novo espolio dos recursos do sector forestal galego.

Por un reparto xusto dos fondos europeos de recuperación!

CONVOCAMOS:  Sindicato Labrego Galego, Amigos da Terra, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Organización galega de comunidades de montes, Extinction Rebelion, Verdegaia, Plataforma veciñal mina Touro O Pino Non, Petón do Lobo, Salvemos a Comarca de Ordes, Asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga, Nais polo Clima, Stop Desafiuzamento.

Tarta Next Generation