A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Os papeis da PAC (1): Os prazos da nova PAC 2023-2027 e o período transitorio 2021-2022

Os papeis da PAC (1): Os prazos da nova PAC 2023-2027 e o período transitorio 2021-2022

9 de Outubro do 2020

Parlamento Europeo

As negociacións para deseñar a nova Política Agraria Común (PAC) para o período 2021-2027 comezaron en 2017. A intención inicial era comezar a aplicar a nova PAC en 2021, pero non vai ser posible até 2023. Como farán entón as autoriades comunitarias para desenvolver esta nova PAC? Explicámoscho de seguido. Podes descargar unha ficha didáctica con toda a explicación premendo na icona que atoparás no remate desta páxina.

Que pasa entón nos anos 2021 e 2022?

Durante este período transitorio imos seguir coa PAC actual, pero con algúns cambios. Son os seguintes:

  1. O orzamento vai ser o da nova PAC, é dicir, algúns cartos menos.

  2. Os pagos directos do primeiro piar ( pago básico, pago verde, agricultor@s moz@s, axudas acopladas) van seguir igual, cos dereitos que xa temos asignados pero con cambios no seu valor. Eses cambios están regulados no proxecto de Real Decreto polo que se establecen as condicións específicas da PAC nos anos 2021 e 2022.

  3. As axudas de desenvolvemento rural (segundo piar) tamén se van prorrogar, pero aquí dependerán da Consellaría de Medio Rural. Unha cuestión importante, por exemplo, e se van prorrogar de novo as axudas agroambientais ou se vai facer unha convocatoria nova.

E que pasa a partir de 2023?

A partir de 2023, entramos de cheo na nova PAC. Porén, está a ser agora mesmo cando se está decidindo todo: Na Unión Europea, no Estado e na Galiza. Polo tanto, o que se decida nos próximos meses vai marcar o sector primario galego desta década e despois vai ser difícil cambiar algo. Até que chegue esa data, atopámonos no seguinte momento:

  1. A día de hoxe (30/11/20) non hai nada decidido oficialmente: nin na Unión Europea, nin no Ministerio de Agricultura nin na Xunta.

  2. Nas institucións europeas están bastante avanzados os regulamentos, co cal sabemos máis ou menos como vai quedar a nova PAC. Así e todo, aínda podemos ter variacións nas últimas negociacións entre o Parlamento Europeo, a Comisión Europea e o Consello de Agricultura da UE.

  3. No Ministerio de Agricultura remataron coa fase de diagnose e, agora mesmo, están deseñando as actuacións que se aplicarán a partir de 2023. O pasado mes de xullo houbo o primeiro debate político coas comunidades autónomas e tratáronse temas moi relevantes como a definición de persoa agricultora xenuína (quen pode percibir os pagos directos), capping (limitar a contía da axuda), axuda básica á renda (actual pago ba´sico+pago verde), pago redistributivo, ecoesquemas (novidade), etc. O Ministerio está preparando o segundo debate político para novembro- decembro. En abril-xuño de 2021 ten previsto ter o primeiro borrador do Plano Estratéxico de España para a PAC. A maioría dos aspectos da nova PAC no Estado dependerán directamente do Ministerio e das decisións políticas que tome xunto coas comunidades autónomas.

  4. Como Sindicato Labrego Galego xa lle enviamos a nosa proposta de PAC á COAG.

  5. Na Galiza, a cuestión da reforma da PAC non está no debate político. O Sindicato Labrego Galego fixo xuntanzas cos tres grupos políticos presentes no Parlamento de Galiza con dous obxectivos: traer ao debate político galego este tema tan importante e presentarlles a proposta de PAC do SLG. O Consello Agrario Galego creou un grupo de traballo que se convocou dúas veces, en marzo e outubro. Presentamos tamén as nosas propostas para que se tiveran en conta. Na xuntanza de outubro tivemos unha primeira aproximación das achegas da Consellería de Medio Rural ao Plan Estratéxico no primeiro piar da PAC. Do segundo (desenvolvemento rural) non empezamos a falar.

  6. Dentro de toda esta incerteza, o único que temos seguro é que van cambiar moitas cousas e que hai menos cartos e que non está deseñada pensando en nos. Da simplificación da que sempre falan, nada de nada: Imos a unha maior complexidade, con máis requisitos burocráticos e entramos de cheo na famosa dixitalización do sector.

Ficheiro adxunto