A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG analizará en Ribadumia a posibilidade da inclusión da viticultura no sistema de axudas da nova PAC

O SLG analizará en Ribadumia a posibilidade da inclusión da viticultura no sistema de axudas da nova PAC

4 de Decembro do 2020

Albariño

O Sindicato Labrego Galego programou unha xornada formativa en Ribadumia, o vindeiro xoves 10 de decembro, baixo o título “O futuro da viticultura”. Será no salón de actos da Casa de Cultura de Ribadumia e contará coa técnica especialista en Política Agraria Común (PAC), Ana Rodríguez; e co responsábel do Sector do Viño do SLG e viticultor e adegueiro biodinámico, Bernardo Estévez.

Precisamente, Ana Rodríguez será a que comece ás 16:00 horas a xornada, cunha charla sobre os “Cambios na futura PAC do sector do viño”. Cómpre saber que, agora mesmo, estase a negociar entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Agricultura como vai ser a vindeira PAC, que tras un período transitorio de dous anos (2021-2022), abranguerá de 2023 a 2027. Un dos principais cambios posibles e que interesa moito ás rexións vitivinícolas galegas é a desaparición dos coñecidos como “dereitos históricos”, o que daría a posibilidade de que puidesen ser beneficiarios do sistema de axudas da PAC sectores que até agora non o foron, como o hortícola, o vitícola ou o froiteiro; aínda que se acaban pagando por hectáreas, como até agora, Galiza volvería ser a gran discriminada no Estado.

Completará a xornada a intervención de Bernardo Estévez, viticultor e adegueiro do Ribeiro que traballa cos métodos da agricultura biodinámica. Bernardo falará sobre as mudanzas que está a provocar o cambio climático na viticultura galega e de como tratar as enfermidades da viña a través de métodos ecolóxicos e respectuosos co medio ambiente e coa saúde das persoas.

Esta xornada terá aforo limitado, debido ás restricións da Covid 19, polo que será precisa a inscrición previa no teléfono 659 811 523 ou no correo aestrada@sindicatolabrego.com