A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG critica o absentismo de Medio Rural na denegación do permiso para a mina de Beariz, Avión e Forcarei

O SLG critica o absentismo de Medio Rural na denegación do permiso para a mina de Beariz, Avión e Forcarei

14 de Novembro do 2020

SOS suido seixo

O Sindicato Labrego Galego congratúlase pola denegación do permiso para explotar o proxecto mineiro Alberta I por parte da empresa Recursos Minerales de Galicia SA. Trátase dunha boa nova xa que, polo de agora, evitarase a destrución dunha grande área de territorio, principalmente nos municipios de Beariz, Avión e Forcarei, que abrangue 12 quilómetros de longo e unhas 1.680 hectáreas de superficie (60 cuadrículas mineiras).

Porén, non entendemos que a única xustificación para non autorizar o proxecto fose o informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Aínda que é certo que a explotación mineira ía causar uns danos irreversibles nos recursos hídricos dunha ampla bisbarra; non é menos certo que o impacto sobre a riqueza forestal e a actividade gandeira na zona fose ser menor. De feito, dende o SLG xa temos denunciado que na área afectada hai 10.000 m² de bosque de frondosas con carballos, bidueiros, salgueiros na zona de Porto Espiño; e 69.000 m² de repoboación de piñeiros financiada pola propia Consellaría de Medio Rural. A maiores, tamén está afectada unha explotación de gando vacún con case un cento de reses na que a Consellería de Medio Rural financiou varios quilómetros de peches, manga de manexo, pasos canadenses e outras infraestruturas. Ademais, no entorno dos lugares de Doade (Beariz) e Acevedo (Avión) tamén se aproveitan os pastos en extensivo por gando vacún e cabalar.

Por iso, resulta frustrante que nos argumentos para denegar o permiso de explotación do proxecto Alberta I non se mencione ningún informe da Consellaría Rural que, polo de agora, só se limitou a constatar que non existían concentracións parcelarias afectadas. Para o SLG, esta actitude constitúe un abandono de funcións dunha Consellaría que debería velar polos intereses dos labregos e das labregas e que, así e todo, fica calada diante da proliferación de proxectos mineiros por toda Galiza que coliden contra eses intereses que debería defender.