A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG denuncia o trazado do Rally da Auga por utilizar pistas dunha concentración parcelaria sen rematar

O SLG denuncia o trazado do Rally da Auga por utilizar pistas dunha concentración parcelaria sen rematar

23 de Septembro do 2020

Rally

O Sindicato Labrego Galego está a facerse eco do malestar que existe en numerosas parroquias do sur de Arzúa polas que discorrerá, con toda probabilidade, o Rally da Auga os días 25 e 26 de setembro. E dicimos con toda probabilidade porque a desinformación e escurantismo por parte do Concello de Arzúa e das entidades organizadoras desta proba do Campionato de España de Rallys de Terra son totais.

Porén, a veciñanza está a coñecer o trazado do Rally grazas a que o concello estivo rozando as pistas por onde discorre tras levar a monte todo o verán (e deixando o resto sen rozar) e porque están comezando a atopar carteis que advirten de cortes de pistas e vías de comunicación nas datas sinaladas. O problema é que ninguén informou a veciñanza nin lles advertiu de consecuencias que a celebración do Rally terá no seu día a día, tales como a imposibilidade de levar o gando pacer aos prados, atrancos en plena época de ensilado e colleita do millo, utilización improvisada das súas fincas como vertedoiros ou bancadas incontroladas para os espectadores, estrés no gando a causa dos ruídos e molestias, inevitables estragos en infraestruturas agrarias, etc.

Respecto disto último, queremos destacar que o trazado do Rally vai discorrer por pistas en zonas dunha concentración parcelaria cuxo proceso aínda non rematou. Estas pistas se atopan nun estado moi precario que, sen dúbida, empeorará a causa da proba automobilística. Dende o Sindicato Labrego Galego, non entendemos por que o Concello de Arzúa acolle esta competición sabendo todos os prexuízos que vai traer, con perdas económicas que se producirán cando haxa que reparar os danos causados, tanto no firme das pistas da parcelaria, custeadas con cartos públicos, como das fincas. Tampouco comprendemos como a Consellaría de Medio Rural consiste en que infraestruturas nas que inviste millóns de euros de cartos públicos sexan despois utilizadas para fins para os que non foron concibidas. Do mesmo xeito que o despotismo ilustrado facía todo para o pobo pero sen o pobo, atopámonos cun despotismo cara ao rural no que se inviste no rural pero sen ter en conta as persoas que viven no rural.

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos criticar o espírito urbanita deste tipo de probas deportivas, que utilizan o rural como un pano de usar e tirar, sempre ao seu antollo, sen ter en conta as persoas que o habitan e as súas necesidades ou suxestións, de costas a elas, aproveitándose do servilismo incompresible das autoridades municipais. Por iso, dende o SLG imos fiscalizar as consecuencias e estragos que, de seguro, causará esta proba deportiva, para actuar en consecuencia e esixir responsabilidades.