A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Rural abonda no seu desmantelamento cedendo a xestión do rexistro de maquinaria agrícola a Tragsa

Medio Rural abonda no seu desmantelamento cedendo a xestión do rexistro de maquinaria agrícola a Tragsa

11 de Septembro do 2020

Tragsa

Xa hai tempo que, dende o SLG, estamos a denunciar o desmantelamento dos servizos públicos para asistir a profesión labrega, de competencia autonómica, derivándoos cara á empresa publica estatal Tragsa, cuxo accionariado é, ao 99'8%, da Sociedade Estatal de Investimentos Industriais (Sepi) e da propia administración do Estado.

Así, as oficinas agrarias comarcais e, por extensión, a Consellaría de Medio Rural, son as que están a sufrir o desmantelamento, tanto en medios materiais como humanos, e perdendo a súa capacidade para xestionar servizos que son de competencia autonómica, como o control de superficies para as axudas da Política Agraria Común (PAC) ou o saneamento gandeiro, en favor da administración do Estado.

Isto vén de vello. A novidade é que, dende hai uns meses, no SLG estamos constatando que outro dos servizos que se están derivando dende a administración galega cara a Tragsa é a xestión do Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (Roma). De feito, estanse a recibir chamadas de traballadores que se identifican como de Tragsa solicitando documentación relacionada co Roma que debería solicitar directamente a Xunta de Galicia. Aparte de evidenciar unha nova perda de competencias da Consellaría de Medio Rural e das oficinas agrarias comarcais en favor da empresa Tragsa, dende o SLG vemos unha posible infracción da Lei de Protección de Datos (as persoas rexistradas no Roma non asinaron ningunha cesión dos seus datos persoais a favor de Tragsa). Todo estase a facer dende un evidente escurantismo, pois descoñecemos quen ordenou o traspaso da xestión do Roma da Consellaría de Medio Rural a Tragsa e en que condicións se fixo o mesmo.

Dende o SLG volvemos denunciar o desmantelamento da rede de oficinas agrarias comarcais que, se contasen co suficiente apoio institucional, poderían encargarse de xestións como o control de superficies da PAC ou, agora, o Roma, cun maior achegamento xeográfico e persoal ás persoas usuarias e, polo tanto, con maior eficacia.