A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG insta a Medio Rural a convocar axudas por granxa na Galiza para ovino, caprino e vacún de carne

O SLG insta a Medio Rural a convocar axudas por granxa na Galiza para ovino, caprino e vacún de carne

28 de Agosto do 2020

Carniceiro Covid

Esta semana rematou o exiguo prazo de dez días para solicitar as axudas para compensar as perdas provocadas polo confinamento da Covid-19 nos sectores de ovino e caprino. Unha vez máis, tal e como aconteceu co viño, a imposición duns requisitos pensados para outras comunidades autónomas, pero non para Galiza, fixo que o 95% das granxas que podían optar á axuda quedasen fóra.

Dous eran eses requisitos: o primeiro, que a granxa de ovino ou caprino solicitante tivese como mínimo dez reprodutoras. Aí entraban case 4.000 explotacións galegas. O segundo, que fosen solicitantes das axudas da PAC para o sector, co cal as posibles beneficiadas reducíronse a unhas 200. Co viño aconteceu algo semellante, xa que para estas axudas, concibidas para grandes adegas doutras latitudes do Estado, só houbo 17 solicitudes en toda Galiza.

RECLAMAMOS AXUDAS PARA TODAS AS GRANXAS

Dende o Sindicato Labrego Galego reclamamos unha axuda compensatoria polas perdas provocadas pola crise da Covid-19 á que poidan acceder todas as granxas damnificadas. Para empezar, estas axudas deberían cubrir todo o ano (as convocadas só cubrían os meses de marzo e abril), xa que as perdas sufridas polo sector non só se limitaron aos meses do confinamento. De feito, a crise segue a repercutir con prezos á baixa. Por iso, dende o SLG pedimos que as axudas de compensación sexan por cada granxa e que, para calcular o importe que lle correspondería a cada unha, se faga unha estimación a partir da diminución nas vendas neste ano en comparación coas vendas realizadas o ano anterior.

A maiores, seguimos pedindo da Consellaría de Medio Rural unha campaña de apoio á comercialización para estes sectores, que impulse o consumo e a recuperación dos prezos.

ANNUS HORRIBILIS PARA A PRODUCIÓN DE CARNE NA GALIZA

Este foi un annus horribilis para o sector ovino e caprino, xa que unha das súas principais canles de comercialización é a hostalería, tanto de años como de cabritos. O confinamento deuse nun intre no que os prezos, en marzo, estaban a ser superiores aos do ano pasado. Durante o confinamento, practicamente non houbo vendas e as poucas que se fixeron foron a prezos irrisorios por mor da crise. Este impacto foi xeneralizado se temos en conta que o confinamento se fixo nunha das épocas con máis partos de cara a fornecer as diversas festividades que comezaban na primavera.

En definitiva, as granxas tiveron que vender a prezos moi inferiores aos do ano pasado. Tamén houbo quen gardou os animais até pasar o confinamento, pero tamén tiveron que vender a prezos baixos porque os animais acabaron pasados de quilos.

Aínda que a carne de vacún non ten unhas vendas tan estacionais como a de ovino e caprino, cuxo consumo está máis asociado á celebración de festividades, tamén leva un ano padecendo unha caída de prezos que non atopou ningún tipo de axuda ou compensación por parte das administracións. Así o denunciamos recentemente: bit.ly/CarneVacúnCovid

DESMANTELAMENTO DAS OFICINAS AGRARIAS COMARCAIS

Outro factor que non axuda a que os diversos sectores en crise se beneficien de posibles axudas é o desmantelamento da rede de oficinas agrarias comarcais na Galiza, que son as que deberían promover as subvencións e axudar a xestionar a súa tramitación. Porén, hoxe en día o sector ten que recorrer a xestorías e entidades bancarias para pedir axudas tan importantes como as da PAC. No caso das axudas de ovino e caprino, atopámonos con que se convocaron cun prazo insuficiente (dez días) e con boa parte das entidades privadas de vacacións ou co persoal eventual que tramita PACs nos bancos co seu contrato temporal expirado, o cal tamén puido influír no escaso éxito da convocatoria.

POSIBILIDADE DE QUE A CRISE EMPEORE

Da mesma maneira que no sector de vacún, en ovino e caprino tamén se recorreu á conxelación de canles para retirar carne do mercado. Como xa dixemos nun anterior comunicado, esta é unha arma de dobre gume, xa que se ben agora esa retirada pode axudar a manter os prezos, nos meses vindeiros, cando se introduza no mercado, pode facer que se afundan de novo. De aí que as axudas de compensación sexan tan necesarias de cara a garantir as rendas de decenas de miles de granxas na Galiza.