A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG solicita un pleno do Consello Galego de Benestar para coñecer a xestión do servizos sociais na pandemia

O SLG solicita un pleno do Consello Galego de Benestar para coñecer a xestión do servizos sociais na pandemia

4 de Xullo do 2020

Residencia maiores

Margarida Prieto Ledo e Ana Eiras Regueira, como vocais do SLG no Consello Galego de Benestar, veñen de solicitar a celebración dun pleno extraordinario deste órgano colexiado da Consellaría de Política Social para “tratar a situación na que se atopa a xestión dos servizos sociais comunitarios básicos (residencias, centros de día, atención á infancia, etcétera) trala crise do Covid-19, e as medidas que se están tomando para paliar os efectos da pandemia na xestión diaria dos mesmos”.

A maiores, na solicitude de pleno extraordinario, tamén se expresa a necesidade de “coñecer cal foi a xestión durante a crise, cales son as previsións de apertura e os plans de contixencia de cara a dotar de medios humanos e económicos estes servizos co afán de avaliar e mellorar as políticas en materia de servizos sociais e poder facer propostas de modificación que axuden a melloralos”, e de “coñecer que tipo de medidas de apoio se estiveron a dar ás persoas beneficiarias dos centros encargados de facilitar os servizos e ás súas familias”.

Os centros de día e ocupacionais dependentes da Xunta levan pechados dende o 13 de marzo, a pesares de que o Goberno do Estado autorizou a súa reapertura xa na fase 1 da desescalada, na que Galiza entrou en maio. Tras moitas viravoltas, o Goberno de Feijóo anunciou que as escolas infantís e os centros de día e ocupacionais non se abrirían até o curso que vén, en setembro. Este anuncio foi unha xerra de auga fría para miles de familias que dependen destes servizos sociais; só dos centros de día dependen 14.000 persoas na Galiza, algo que non se entende trala suposta volta á normalidade e a reapertura dos centros de día en todas as comunidades autónomas agás na nosa. O forte malestar creado e as protestas obrigaron a Feijóo a anunciar, en plena campaña electoral, a posible reapertura o 15 de xullo, tres días despois das eleccións.

Agardamos que a Xunta de explicacións de todo isto no Consello Galego de Benestar, tanto da xestión que fixo e está a facer de todos estes servizos sociais durante a pandemia, como dun anuncio de reapertura forzado e tardío que semella unha tentativa bastante groseira de sacarlle rendibilidade política á situación crítica que levan meses atravesando miles de familias galegas privadas de servizos esenciais para elas.