A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Xunta tenta aproveitar o estado de alarma para sacar adiante 1.000 proxectos industriais controvertidos

A Xunta tenta aproveitar o estado de alarma para sacar adiante 1.000 proxectos industriais controvertidos

5 de Maio do 2020

Alerta ambiental

O Consello da Xunta do xoves 30 de abril do 2020 aprobou reactivar a tramitación administrativa en materia de valiación ambiental de 975 proxectos que estaban paralizados polo Estado de alarma. Froito diso, e cando aínda xiste unha seria crise sanitaria e a poboación segue confinada e sen poder desenvolver as súas actividades de forma ormalizada, a Xunta de Galicia dita unha Orde, publicada no DOG deste 4 de maio, para que comecen a correr os prazos de exposición pública destes proxectos industrias de grande impacto.

A XUNTA REACTIVA OS PROCEDEMENTOS DE PROXECTOS INDUSTRIAS DE GRANDE IMPACTO AMBIENTAL

Os proxectos que se inclúen na Orde son vertedoiros, plantas de xestión de residuos, proxectos de parques eólicos e subsestacións eléctricas, liñas de alta tensión, factorías que emiten gases de efecto invernadoiro, etc.
Trátanse de proxectos especialmente sensibles e controvertidos que xeran un gran rexeitamento social polas súas características pouco respectuosas coa máxima de ‘Aire, auga e terra limpas’ para o noso territorio, ou o que é o mesmo, de grande impacto ambiental, pero tamén social e económico. Detrás destes proxectos están medianas e grandes empresas (moitas veces foráneas) que pretenden facer un gran negocio cos recursos da nosa terra e que actúan unicamente en beneficio propio sen ter en conta as persoas e as contornas afectadas.

P ARTICIPACIÓN CIDADÁ LIMITADA POLO ESTADO DE ALARMA

O Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo do 20203, polo que foi declarado o Estado de alarma, estableceu con carácter xeral a suspensión dos termos e dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. Só contempla, como forma excepcional, que se poidan acordar, mediante resolución motivada, a continuación daqueles trámites que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.
Da mesma maneira, o Estado de alarma impide que cidadanía galega poidamos reunirnos, organizar asambleas, actos informativos, debater en grupos grandes físicos, movernos con total liberdade dentro do territorio... O que se traduce en que afrontar un informe de impacto ambiental destes proxectos en colectivos veciñais e en condicións para contrastar toda a información, vírase imposible.
Con este Decreto, o Goberno do PP vai seguir dándolle curso e facilidades a todos eses proxectos de grande impacto e contaminantes. Proxectos que organizacións cidadás e veciñanza seguimos con atención para que se realicen con garantías, denunciando as ilegalidades e avogando polo ben común . Con esta Orde, Alberto Núñez Feijóo trata descaradamente de deixarnos aos galegos e galegas en situación de indefensión e dificulta, aínda máis, a participación da cidadanía nos procedementos administrativos , para beneficio e lucro destas empresas privadas.
O PP intenta beneficiar con esta Orde os intereses das promotoras de proxectos de grande envergadura, e intenta deixar fóra da condición de interesadas a todas as asociacións ambientalistas, veciñanza próxima máis directamente afectada, veciñanza non tan próxima que tamén estaría afectada, persoas que viven máis lonxe pero queren persoarse no procedemento administrativo porque teñen algún interese lexítimo que defender, etc.

ESIXIMOS A PARALIZACIÓN DA ORDE DITADA POLA XUNTA

Por todo o exposto parécenos dunha gravidade extrema que a Xunta decida continuar coas tramitacións destes proxectos que comprometen a nosa saúde, o noso medio e a nosa economía en pleno Estado de alarma, limitando a resposta cidadá lexítima e facilitándolle os trámites a estas empresas privadas. Está claro que os proxectos contaminantes que a Xunta pretende reactivar non cumpren os requisitos de interese xeral indispensables que se esixen en pleno Estado de alarma.
Baixo estes elementos, non é admisible que se reactiven as tramitacións, pois non terían todas as garantías previstas na lexislación. Por iso reclamamos que, atendendo ao Estado de alarma, se paralice de inmediato o efecto da Orde ditada pola Xunta, até que non recobremos a total normalidade social.