O Sindicato Labrego Galego quere expresar a súa solidariedade e apoio a Manuel García, labrego e activista do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), que vén de ser denunciado por Coren. Dende o SLG, cremos que Coren debería retirar a súa denuncia e afrontar unha xestión de residuos que se xa hai tempo que se lle foi das mans.
O vindeiro día 2 de marzo terá lugar no xulgado de Xinzo de Limia o acto de conciliación previo á demanda civil de COREN contra o compañeiro do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), Manuel García. A causa ten a súa orixe nunha suposta intromisión ilexítima no dereito ao honor de dita empresa, por facer “imputacións falsas” contra ela nun programa de “España Directo” emitido en setembro do pasado ano. A empresa estima os danos e prexuízos nun millón de euros.
O MEL leva anos denunciando os efectos da gandaría intensiva no val do Limia, a mala xestión dos residuos das granxas, o deterioro das augas pola acumulación de nitratos e a eutrofización das augas; e loitando pola protección da comarca, a produción agrícola ecolóxica e a gandaría extensiva.
Os colectivos que asinamos este manifesto queremos mostrar a nosa solidariedade co compañeiro do MEL, ao tempo que a nosa sorpresa porque se admita a trámite semellante despropósito. Parece obvio que, con este tipo de actuacións, o sector da gandaría intensiva pretende pechar a boca a quen nos opoñemos a este modelo industrial e dicimos en voz alta o que pensamos das súas prácticas.
A gandaría industrial ten repercusións ambientais innegables, especialmente sobre a auga e sobre os solos. A cantidade de xurros e residuos xerada por este tipo de industria é un grave problema para as zonas máis afectadas.
Esta industria é responsable dunha parte importante das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro. Ademais, as grandes extensións de cultivos destinadas a producir os alimentos para os animais criados de xeito intensivo provocan a deforestación de enormes extensións no noso planeta.
En Galiza hai zonas, como a Limia, onde as consecuencias destas prácticas supoñen un problema cada vez maior. O val do Limia absorbe cada ano máis de un millón de toneladas de residuos gandeiros, residuos que en moitas ocasións non son sometidos a ningún tipo de tratamento previo; e que son vertidos mesmo en espazos protexidos, nas inmediacións de cursos de auga, en balsas sen impermeabilizar, pasando así ao solo e contaminando este e os acuíferos. A gravidade da situación fixo xurdir novos colectivos que a denuncian, como a Plataforma Auga limpa xa.
É por este tipo de cousas que o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de tirar das orellas á Consellería de Medio Rural, indicándolles, mediante resolución, a necesidade de declarar como zona vulnerable a Limia. A resposta da Xunta de Galicia non foi, como sería de esperar, a adopción de medidas de protección para a zona, senón a presentación de alegacións a esa resolución. Deste xeito, a Xunta defende os intereses das grandes empresas do sector, aínda que sexa a costa de desprotexer o medio ambiente, así como os intereses dos pequenos agricultores ou os da gandaría en extensivo.
Non é a primeira vez que en Galiza a industria gandeira intenta tapar a boca a quen denuncian as súas malas prácticas. Xa anteriormente houbo activistas que recibiron ameazas de demanda, aínda que ata agora nunca chegaran ao xulgado. Consideramos moi grave o axuizamento do noso compañeiro, un axuizamento que non é outra cousa que utilizar a Manuel como cabeza de turco para tratar de intimidar a quen se atreva a falar. Non pode ser que cando denunciamos prácticas agresivas para o medio ambiente sexamos nós quen sente no banquillo. Non pode ser que se sinalamos desfeitas queiran cortar o dedo que sinala, en lugar de frear esas desfeitas.
Non imos deixar que nos poñan a mordaza. Seguiremos denunciando as malas prácticas da gandaría industrial, e loitando por unha produción de alimentos racional e sustentable.
Asinan este manifesto:
- A Ría Non Se Vende, rede de colectivos.
- A Terra Non Se Vende.
- ADEGA.
- ADENCO.
- Agora Galiza-Unidade Popular.
- Amigos da Terra.
- Amigos das Arbores de Ourense.
- Anova.
- Asociación Ambiental Petón do Lobo.
- Asociación Ambiental Senda Nova.
- Asociación Cova Crea.
- Asociación de Víctimas de la Justicia.
- Asociación Fontaíña.
- Asociación O Bión. Xinzo de Limia.
- Asociación Pola Defensa da Ría, Pontevedra.
- Asociación Sachos á Rúa.
- Centro para a Resiliencia Pousadoira.
- Colectivo Ecoloxista Luita Verde.
- Colectivo Matogueira.
- Comité pola Memória Histórica do Val do Límia.
- Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga.
- ContraMINAcción
- Ecoloxistas en Acción Galicia.
- Greenpeace Galicia.
- Grupo Común da Esquerda.
- Grupo Municipal EU Son do Porriño - Son en Común.
- Mesa de Equo Galicia.
- O Grelo Verde, colectivo pola agricultura ecolóxica.
- O Ouriol do Anllóns.
- Organización Cerna.
- Plataforma Auga Limpa Xa!
- Plataforma Casalonga Limpa de Residuos.
- Plataforma Monte Neme.
- Plataforma pola Defensa do Rural. Ponteceso.
- Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non.
- Salva la Selva.
- Salvemos Monteferro.
- Sindicato Labrego Galego.
- Sociedade Galega de Ornitoloxía.
- SOS Groba.
- Vaipolorío.
- Verdegaia.
- Véspera de Nada.