A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. 886 DÍAS BERRANDO “MINA NON”

886 DÍAS BERRANDO “MINA NON”

31 de Xaneiro do 2020

RdP Mina Touro

As organizacións e colectivos que temos loitado contra a apertura do megaproxecto de extracción de cobre nos concellos de Touro e O Pino convocamos aos medios de comunicación a unha rolda de prensa que se celebrou, o venres 31 de xaneiro, ás 11 da mañá, en Carril, na C.A.D. Gato Negro, para valorar as últimas novas relacionadas co proxecto promovido por Cobre San Rafael e analizar a situación actual e os pasos a dar.

En primeiro lugar queremos salientar a unidade de todos os sectores afectados, gandeirxs e labregxs, cooperativas agrarias, veciñxs, confrarías de pesca, agrupacións de produtores de mexillón, parquistas, mariscadoras, sindicatos, colectivos ecoloxistas e culturais e plataformas.

Unidade e mobilización que demostrou que é posible parar un proxecto destas características, a pesar da súa capacidade económica e da influencia política no goberno da Xunta de Galicia, que foi o gran valedor desta iniciativa e que amosou ao longo do procedemento un interese que ía máis aló do estritamente administrativo, incluso defendendo o proxecto en reunións cos sectores afectados como se eles foran a empresa promotora.

As eivas do proxecto mineiro presentado por Cobre San Rafael quedaron xa ben patentes desde o principio. Calquera cunha mínima capacidade lectora e de comprensión, e sobre todo interese, podía percibir que aquelas promesas de traballo e progreso para os concellos e a comarca traían envolta unha soga coa que esganarnos de levarse a cabo a explotación de cobre a ceo aberto.

A valoración que facemos da decisión administrativa da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa é, ademais da evidente insostibilidade do proxecto, a forte oposición social amosada ao longo de todo este tempo -case que dous anos e medio- que cristalizou nunha Praza do Obradoiro chea ata o tope de manifestantes que reclamaban parar os lixiviados contaminantes, a restauración da antiga mina e o rexeitamento do novo proxecto. A proposta de Cobre San Rafael era inviable e insostible, pero foi o clamor popular o que provocou o desenlace.

Declaran negativa a DIA porque non é sostible o proxecto, pero a realidade é que toda a contorna da antiga mina leva máis de 30 anos nunha situación de ABSOLUTA INSOSTIBILIDADE, contaminando os afluentes do río Ulla e zonas ZEC, coa pasividade da Xunta de Galicia, a pesar de recoñecer en documentos públicos que levan 30 anos sen autorización de vertido!!!

Por tanto, para nós é unha decisión acertada, aínda que motivada, ao noso entender, polas recentes actuacións da fiscalía de medio ambiente e polos posibles custes electorais á beira dunhas autonómicas.

Temos a firme decisión de seguir adiante fiscalizando e esixindo a RESTAURACIÓN DA ANTIGA MINA E A SÚA CONTORNA. O noso papel seguirá activo e vixiante para seguir moi de preto os pasos de todas as empresas do entramado mineiro de Touro e O Pino, nas que aínda hai moitas responsabilidades que depurar e moito dano medioambiental que restaurar e somos conscientes de que poden volver presentar o proxecto ao carón da nova lexislación que promove o actual goberno da Xunta, que elimina garantías no procedemento ambiental e acurta prazos, dificultando a participación cidadá.

Por todo isto valoramos que a nosa UNIDADE é fundamental para a saúde das nosas augas en Touro, O Pino, na contorna do río Ulla, na ría de Arousa e para garantir o progreso de miles de familias que viven do mar e do campo.

En Carril, a 31 de xaneiro de 2020

Rolda Mina Touro O Pino non

En representación do Sindicato Labrego Galego asistiu Margarida Prieto Ledo, cuarta pola dereita